Print this page

Sábados de autor na Biblioteca de Galicia

Rate this item
(0 votes)

A Cidade da Cultura de Galicia, que inaugurará os seus dous primeiros edificios o vindeiro 12 de xaneiro, presentou o programa Ceo das Letras, doce sábados de autor adicados a homenaxear a grandes figuras da literatura galega e universal a través dunha serie de actividades literarias mesturadas con representacións artísticas.

Dende o sábado 15 de xaneiro ata o sábado 25 de xuño pasaran pola Cidade da Cultura creadores e persoeiros tan relevantes como María Kodama, viúva de Jorge Luis Borges; o actor nx0woé Luis Gómez, Premio Nacional de Teatro e que traballou con directores como Pedro Almodovar ou Milos Forman; a cantante Dulce Pontes; o compositor de música contemporánea e Premio Nacional de Música, Mauricio Sotelo; a compañía teatral Casa Hamlet; ou o pianista Nacho Muñoz, entre outros.

Este ciclo preséntase como un diálogo entre a literatura e as outras artes. Cada unha das doce sesións estará adicada a un escritor, onde haberá unha charla inicial impartida por un experto de referencia, posteriormente desenvolverase unha actuación artística ligada ao espírito do autor homenaxeado e finalmente servirase un aperitivo. As representacións artísticas, que servirán de apoio para apreciar mellor a excelencia de grandes figuras da literatura galega e universal, van dende montaxes teatrais, espectáculos musicais, producións cinematográficas ou proxección de documentais.

O ciclo constará de doce sesións ou doce sábados de autor, entre xaneiro e xuño, que inclúe doce escritores: nove galegos e tres "veciños convidados". A escolma galega está composta por Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Camilo nx0woé Cela, Martín Códax, Ramón María del Valle Inclán, Álvaro Cunqueiro, Xosé Ánxel Valente, Gonzalo Torrente Ballester e Eduardo Blanco Amor. A tres sesións especiais serán as adicadas a Jorge Luis Borges, Fernando Pessoa e Salvador Espriu. Este tres últimos estarán representando os vencellos entre a Literatura galega e a Iberoamericana, a portuguesa e as outras literaturas da Península, neste caso a catalá.

Galicia, ceo das letras arranca o sábado 15 de xaneiro coa sesión adicada a Rosalía de Castro, có gallo de que en 2011 se cumpren os 125 anos do seu pasamento. A sesión comezará cunha charla de María do Cebreiro, e posteriormente a compañía teatral Casa Hamlet, dirixida por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, presentará un espectáculo con textos de Rosalía dramatizados e musicados. A presentación correrá a cargo da presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro.

A participación será gratuíta, mais será necesario inscribirse para reservar praza xa que o aforo da Biblioteca de Galicia é limitado. Para facelo pódese chamar ao 881 979010 ou facelo a través da web www.cidadedacultura.org, onde atopará tamén toda a información sobre as datas e o contido de cada sesión.