Print this page

O pitiño Cocorico voa ata a pantalla da TVG

Rate this item
(0 votes)

Dende esta semana as nenas e os nenos galegos poderán gozar nos seus televisores dun dos personaxes máis carismáticos das nosas letras: o pitiño Cocorico, que dá o salto á pantalla coa serie do mesmo nome, coproducida pola Televisión de Galicia e OQO filmes, e que empezou a súa emisión o pasado luns 12 de maio. Os espectadores do Xabarín Club terán unha ineludible cita diaria ás 11.00 h. e tamén ás 17.00 h.

Cocorico, Mamá Galiña e Gato Pelado, os personaxes do álbum ilustrado escrito por Marisa Núñez e ilustrado por Helga Bansch, vivirán aventuras do máis divertido e disparatado con novos amigos, coma o galo Crechas, a ovella Cina ou a tartaruga carteira.

A serie, con guións de Luís López Alonso, música de Carlos Vázquez e dirixida por Zé Carlos Pinto, consta nesta primeira temporada, de 26 capítulos de 13 minutos cada un.

A serie supón unha nova aposta da TVG polo apoio á animación galega e á súa difusión no exterior. Cocorico, un proxecto realizado integramente en Galicia e en galego, naceu cunha clara vocación de internacionalización.

A serie Cocorico, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos, narra a vida cotiá dun pitiño rebuldeiro, curioso e, sobre todo, aventureiro. E faino dunha forma divertida, chea de acción, intriga e, sobre todo, sentido do humor, sen esquecer os aspectos didácticos.

Aínda que sempre busca novas aventuras, Cocorico é un pitiño algo asustadizo. No entanto, a súa teimosía convérteo ás veces en temerario, metendo o peteiro onde non debe en máis dunha ocasión e creando situacións de perigo, para as que necesitará sempre a axuda do seu entorno. Así, coñecerá o mundo que o rodea, aprenderá a tomar decisións e enfrontarse ás dificultades que no día a día lle van xurdindo.

Dun modo simbólico, Cocorico será para os pequenos espectadores un modo ameno e divertido de coñecer o mundo, as súas oportunidades e os seus problemas. Cocorico, ademais de entrerer, axudaralles aos cativos a medrar, a usar o enxeño e a imaxinación para superar os conflitos, aprender dos erros e, sobre todo, valorar a amizade.