Print this page

O home de negro, de An Alfaya, gaña a II edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta

Rate this item
(0 votes)
An Alfaya An Alfaya Foto: Eduardo Castro Bal

A escritora viguesa An Alfaya fíxose, por unanimidade do xurado, coa segunda edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, pola súa obra O home de negro. Este premio está convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística do goberno de Galicia co fin de fomentar a nenos e nenas, adolescentes e público en xeral obras de calidade que lles permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela. O galardón entregarase o vindeiro venres, 3 de novembro, na sede da Fundación, en Gres (Vila de Cruces), na casa natal do recordado escritor, coincidindo co 89º aniversario do nacemento do autor crucense.

O xurado, integrado por Luís Reimóndez, presidente da da Fundación Xosé Neira Vilas; Rosalía Morlán, Fernado Redondo e Juan Andrés Fernández, membros do padroado da devandita fundación; e polo crítico literario Armando Requeixo, destacou a gran calidade da decena de traballos presentados a concurso e, nomeadamente da peza gañadora “a capacidade para tecer unha historia con fortes dose de intriga e unha notable economía de recursos, adelgazando a presenza de personaxes e escenarios para lograr unha extraordinaria concentración expresiva na que a linguaxe da súa prosa xoga un papel principal. Autorreflexiva, metaliteraria e ben suxestiva, esta obra recolle o herdo pirandelliano e unamuniano para actualizalo e ofrecer unha atractiva nivola do século XXI”.

An Alfaya ten unha obra literaria extensa dirixida tanto a lectores e lectoras infanto-xuvenís como a persoas adultas. Publicou as novelas A recortada (Xerais, 1999), Desventura (Positivas, 2003), Matei un home (3C3, 2005), A sombra descalza (Xerais, 2006), Illa Soidade (Xerais, 2007), Area quente (2009), Vía secundaria (Xerais, 2011) e Muros de aire (Xerais, 2015). Conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos literarios como son o Premio Lazarillo 2005, o Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil, o Premio White Ravens 2007, o Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007, o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2007, o Premio Lueiro Rey 2009, o Premio San Clemente 2010 ou o Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2010, así como o accésit deste mesmo premio en 2003 ou a Lista de Honra IBBY 2008.

Agora, co Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, suma o seu nome a un certame inaugurado na pasada edición por David Daniel Vázquez Álvarez pola súa obra Diario de Brian, o chinés.