Print this page

Arranca en Compostela a XVII Campaña Municipal de Animación á Lectura

Rate this item
(0 votes)

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, inauguraron onte na Galería Sargadelos a Campaña Municipal de Animación á Lectura que cumple xa dezasete edicións. Na inauguración tamén estiveron presentes o representante de Correos e o da Fundación Sargadelos. Nesta ocasión a Campaña leva por título Unha última carta, baseada no traballo dos gregos Antonis Papatheodoukou e Iris Samartzi, que resultaron gañadores do IX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado ano a ano polo Departamento de Educación e Cidadanía e a editorial Kalandraka.

Esta iniciativa desenvolverase dende o 27 de marzo ata o 13 de maio e comprende un conxunto de iniciativas en prol do fomento e animación á lectura non só para nenos e nenas da capital galega, senón tamén as súas familias e o profesorado. En total están inscritos máis de dez mil escolares das escolas infantís e dos centros de educación infantil e primaria de Santiago, así como arredor de 100 mestres de varios niveis educativos. Trátase dunha cifra récord que supera en máis de 3.000 a participación da edición do 2016. Ademais, esta campaña presentouse hoxe ao profesorado dos centros participantes e inclúe diversas actividades. Os nenos e nenas poderán participar en sesións de contacontos, actividades na rede de escolas infantís, sesións formativas para educadores e educadoras, visitas guiadas, obradoiros de ilustración, obradoiros de escritura creativa, contos e música para as familias e sesións de contos para bebés.

Ademais das actividades diarias de contacontos e música para escolares de Educación Infantil, primeiro e segundo de Primaria, dos obradoiros de ilustración para alumnado de terceiro e cuarto, e dos talleres de escrita creativa para rapaces e rapazas de quinto e sexto, entre o 2 e o 4 de maio os contacontos tamén se desprazarán ás Escolas Infantís de Conxo, Fontiñas, Polígono do Tambre, Salgueiriños, San Roque e Tras Parlamento para achegarlles historias e melodías aos máis cativos.

Como cada ano, a Campaña de Animación á Lectura ábrese á participación das familias, que poderán visitar a exposición e gozar dos contacontos. Haberá dúas sesións para bebés de 0 a 3 anos o sábado 29 de abril ás 11.30 h. e ás 12.30 h., con asistencia previa inscrición no Departamento de Educación do Concello. Para nenos e nenas a partir de 4 anos, profesorado e público en xeral, o sábado 1 de abril, na véspera do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, haberá outra sesión de contos e música a partir das 12.00 h.

Nesta edición tamén colabora Correos, que dispuxo unha edición especial de postais ilustradas co cartel da Campaña para que o público infantil poida escribir nelas e depositalas no buzón instalado na sala de actividades, ao pé dunha recreación da oficina postal representada no libro Unha última carta.

O peche da Campaña Unha última carta será o sábado 13 de maio ás 12.00 h. Os contos, a música -coa colaboración do alumnado da Escola Municipal de Música- e outras sorpresas animarán a xornada de despedida.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura e a escritura aos nenos e nenas, nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do noso patrimonio cultural inmaterial.

 

Additional Info