En cumprimento do seu obxectivo de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorecer a comunicación social das artes plásticas, o CGAC vén desenvolvendo un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e exposicións como a súa colección.
Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea, a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.
Establécese un único premio de 3.000,00 €, impostos engadidos, que será outorgado á persoa que obteña a máxima puntuación de acordo cos criterios establecidos no artigo 11 das presentes bases.