Print this page

Na busca do paraíso, unha lectura sobre 'A maldición de San Brandán'

Rate this item
(1 Vote)

Recibir o sábado totalmente derreado logo dunha longa semana. Traballo, familia, unha viaxe esgotadora, celebracións, uns longos na piscina, as horas a deshora diante do ordenador, actividades do máis variado... E velaí está. O sábado. Non é que o sábado sexa o mellor día para descansar, porque a fin de semana tamén ten os seus propios rituais e rutinas, pero si que é máis doado atopar un par de horas libres para estomballarte nunha cadeira, sofá ou cama e dedicarlle un tempiño á lectura.

Cando “gozo” dunha destas semanas tendo a cabeza en mil e unha cousa, gusto de relaxarme cun libro cuxa lectura me permita transitar polas súas páxinas case que dun modo automático. Unha historia que me atrape e que me entreteña. Este sábado atinei de cheo coa primeira novela do amesán Paulo Calvo, A maldición de San Brandán, editada hai poucas semanas baixo o selo de Galaxia.

A maldición de San Brandán é unha novela curta encadrada na colección xuvenil de Galaxia, Costa Oeste, dividida en 31 capítulos breves, o que é de supor que o autor a presentou no seu momento ao premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Un premio que creo leva xa un par de anos sen se convocar. Eu non teño paciencia abonda para seguir unha historia día a día durante un mes, pero si gustei da lectura de moitas delas cando se converteron en libro. Lembro agora as interesantes novelas premiadas de Diego Ameixeiras, Francisco Castro ou Arantza Portabales, por exemplo. A restrición do formato, limitado a un número determinado de caracteres, obriga ao autor ou autora a centrarse case que unicamente no discorrer da trama, a ofrecer un ritmo acelerado onde os acontecementos voan diante dos ollos do lector. O importante é o que está por pasar.

E todo iso é o que nos ofrece Paulo Calvo en A maldición de San Brandán. Un relato que aferra ao lector no sofá ao longo dos seus trinta e un capítulos. A cerna da historia é un misterioso obxecto que uns quererán agochar e outros dar con el en tres períodos históricos diferentes: a finais do século XII, coa chegada dun grupo de frades celtas a Britonia, antiga sé bispal uns anos logo de que esta se trasladara a Mondoñedo; a comezos da década dos 40 na Alemaña nazi; e a época actual, en Galicia, centrado nun luthier da Universidade de Santiago de Compostela. Se no século VI o abade irlandés San Brandán iniciou unha viaxe na busca do paraíso de Adán cos seus acólitos, nesta novela outros serán os que realicen unha busca semellante para atopar ese artefacto que lles permitirá acceder ao paraíso, neste caso digamos un paraíso algo máis terreal. 

 A aposta de Paulo Calvo é a de ofrecer un relato para entreter ao lector. E abofé que acada o obxectivo. Ten que haber libros para cada lector, e moitos queren (queremos) este tipo de novelas, sobre todo en momentos determinados. Unha historia orixinal e doada de ler. Nese sentido A maldición de San Brandán emparéntase coa literatura de autoras e autores como Pedro Feijoo, de feito atopamos unha chiscadela ao seu Os fillos do mar (Xerais) recuperando para A maldición de San Brandán a personaxe de Fausto Wessler.

E se Paulo Calvo consegue dar cunha trama que engaiola ao lector, tamén podemos botar en falta algúns aspectos. Tendo en conta a máis que presumible presentación do libro ao premio de novela por entregas indicado anteriormente, é de supor que unha vez o libro non foi premiado, o autor liberábase da ríxida estrutura da novela establecida nas bases do certame. Agradeceríase que aquí Calvo retornara á novela dándolle unha volta para desenvolver máis as pasaxes, os personaxes e os acontecementos. Vimbios bos para facelo tíñaos abondo.

Nese sentido, sentín que non aproveitara máis o interesante espazo físico e histórico de Britonia no que se move o padre Aldán, e a antiga división episcopal localizada nese territorio. Ou a relación entre os nazis e o ocultismo. De feito, en A maldición de San Brandán aparece a figura de Karl Maria Wiligut, coñecido esoterista e divulgador dunha suposta mitoloxía aria. Ou o mundo dos luthier, como no caso de Daniel Alvite. Estes son algúns elementos dos que Calvo só nos ofrece a tona. Unha mágoa o non mergullarse máis neles.

Por outra banda, o propio formato escollido polo autor, se ben é certo que favorece o interese por esa sucesión de acontecementos, motiva que o paso dun a outro leva ao lector a desorientarse, a sentir que se perdeu algo.

Resumindo, unha boa historia para pasar un rato agradable de lectura. Espero con interese que novas propostas ofreceranos Paulo Calvo no futuro.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati