Print this page

O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Rate this item
(0 votes)
Mario Regueira Mario Regueira Foto: Concello de Malpica

O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario Marco Livorno.

O fallo do xurado, integrado por Paco de Tano, Eduardo Estévez, Elvira Riveiro e Antón Noceda como secretario, fíxose público, como é costume, durante a celebración da Cea das Letras, que cumpre o dobre obxectivo de dar a coñecer ao gañador ou gañadora do ano e de presentar impresa a obra premiada na edición anterior. Neste caso, o libro co que foron agasalladas todas as persoas asistentes foi Diáspora de amor balea, unha obra asinada por Andrea Nunez Brións e María Rosendo.

Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, foi o responsable de desvelar o título da obra gañadora nesta edición, Marco Livorno, que cualificou coma “un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco”. En palabras do propio autor, Marco Livorno é “un libro bastante especial e bastante estraño”, que aborda o erotismo desde unha perspectiva homosexual. “Creo que sempre houbo algo de contido erótico na miña obra, pero penso que sen este certame nunca chegaría a facer un poemario destas características”, asegurou o Regueira, quen tamén tipo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos impulsores do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, finado o pasado ano mentres traballaba.

Con este premio, Mario Regueira engade un novo galardón aos xa acadados con anterioridade, como o Pérez Parallé de Poesía no 2006 ou o Johán Carballeira de Poesía no 2008, ademais do Lueiro Rei de novela no 2011, e suma o seu nome ao das gañadoras das edicións anteriores, como Antonio García Teijeiro, Enma Pedreira, María Lado, Ramón Neto ou Xabier Queipo, entre outras.

O certame de poesía erótica “Illas Sisargas” está organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati