Print this page

A Biblioteca Pública Municipal de Camariñas galardoada co Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

Rate this item
(0 votes)

A Biblioteca Pública Municipal do concello de Camariñas acaba de ser galardoada co Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia polo proxecto O berberecho Rebecho viaxa a La Turballe. Este galardón, que convocou por primeira vez o goberno de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo este 2018, implica unha dotación económica de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora.

A biblioteca de Camariñas foi seleccionada entre as outras dúas finalistas (Biblioteca Ágora da Coruña e Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo) do total de 12 proxectos que se presentaron ao premio. O xurado tivo en conta o carácter innovador ou orixinalidade, a adaptación á contorna e implicación da comunidade no deseño, a súa utilidade para diferentes colectivos de persoas usuarias, a participación doutros sectores ou institucións, etc.

O berberecho Rebecho viaxa a La Turballe é un proxecto, segundo destacou a comisión de avaliación, innovador e orixinal centrado na súa contorna, que aproveita a oportunidade que supón o irmanamento do concello coa poboación francesa de La Turballe. Con este proxecto, a biblioteca funciona como centro de aprendizaxe ao longo da vida achegando aos seus usuarios outras linguas, dando a coñecer a cultura francesa, outras realidades do país veciño moi semellantes ás súas, a súa literatura, a súa forma de vida e a gastronomía.

Así mesmo, busca poñer en valor e cultivar a identidade local de carácter mariñeiro, o coñecemento do patrimonio histórico e da cultura local. Destaca tamén, tal e como se recolle na acta da comisión de valoración do premio, o establecemento de nexos de unión entre as dúas vilas e a creación e promoción de sinerxías atlánticas.

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati