Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Veu visitarnos... Toño Núñez

Rate this item
(4 votes)
Foto: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB) Foto: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Hoxe recibimos a visita de Toño Núñez, naviego do 59. Dende hai anos Toño reside en Lugo, onde é mestre de lingua galega, pero leva os seus Ancares no corazón e, por suposto, na súa literatura, onde exerce con pericia tanto na poesía como na literatura infantil e xuvenil, especialmente.

A poesía, a simpatía e a tenrura, a natureza... son algúns dos elementos que percorren as historias que achega Toño Núñez aos lectores máis novos, dende o primeiro O soño de Ánxela, que publicou no ano 1999 ata o seu recente De como Chispo, o esquío, puido co frío, editado por Galaxia hai poucos meses pasando polo humor de Amores de gato e rato (Kalandraka), as historias de abordaxes no O pirata Metepata (Baía), o estrambótico Mago Goma (Kalandraka) ou a lenda de O monstro dos Ancares (Galaxia), por citar tan só uns poucos exemplo. Obras e historias que acaen moi ben entre o público lector. Tan só temos que darnos unha voltiña pola internet e ver a multitude de traballos que pululan pola rede sobre os libros de Toño Núñez.

Estamos moi agradecidos pola túa visita, Toño!

 

 

 


 

Antes do escritor normalmente ven o lector. Que libros e lecturas foron importantes para vostede e aínda fican na súa memoria?

Crieime cun pé nunha aldea (Vilameixide) e outro nunha vila pequena (Navia de Suarna), nunha familia e contexto onde non existían libros. Tan só lembro ler de neno Genoveva de Bravante, único libro que andaba pola casa da aldea. Quen o mercara? Como fora parar alí? Nunca o souben. O que si sei é que esta lectura espertou en min moitas emocións e me fixo derramar regueiros de bágoas. Antes e despois… escuridade. Na escola da vila tampouco liamos outro libro que non fose a Enciclopedia Álvarez. Sería no Instituto Masculino de Lugo onde empezaría a ler as primeiras “lecturas obrigatorias”, sempre en castelán. Co tempo, chegaron as novelas de vaqueiros; lin moitas mentres alindaba as vacas. Foi nos últimos cursos do antigo bacharelato cando probei as primeiras lecturas en galego; e sabían ben, moi ben. En Maxisterio, máis lecturas obrigatorias, e, agora si, o 50% en galego. En diante, xa fun tomando eu conciencia de lector por iniciativa propia. Pero teño que confesar que nunca fun, nin son, o que se di un gran lector. Unha ovella negra.

Pero hai un libro que si me marcou: Memorias dun neno labrego. Porque Balbino tamén era un neno da aldea, coma min; Balbino tiña unha vida difícil, coma min; Balbino quería ser escritor… E eu tamén…

Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?

Uf! Teño para min que o feito de ser un rapaz e un mozo moi tímido e acomplexado foi decisivo. Procurei refuxio no papel, porque o papel non me delataba. Esa necesidade de botar para fóra todo aquilo que queimaba dentro (especialmente a vivencia dos primeiros amores, sempre platónicos e inconfesables) debeu ter moito que ver. Quizais, tamén, supoño, o posuír unhas pingas de sensibilidade, o desexo de cambiar tantas realidades que atentan contra a dignidade das persoas, dos pobos, das linguas… e esa teimuda lei do máis forte, que te anula e te afunde na impotencia; nestas circunstancias non che quedan máis armas cá palabra.

Facerme profesor de Preescolar e traballar con nenas e nenos pequenos e o nacemento das nosas fillas tamén foron motivacións importantes; escribir para elas e eles foi, e segue a selo, moi pracenteiro.

E supoño que arredor da actividade creativa, polo menos no meu caso, tamén hai unha certa dose de vaidade, de desexo de transcender, de procurar a inmortalidade... O difícil é conseguilo.

o sonho de anxelaE a dirixir esa escrita cara o publico infantil?

Como dicía, vivir e interactuar con nenas e nenos, meterme no mundo das súas vivencias, das súas lecturas, dos seus intereses… E a chegada das nosas fillas, acontecemento tan transcendental na vida dunha persoa…

Que é o que busca transmitir coa súa literatura?

O que sinto, o que penso… Asimilar e, despois, recrear a beleza a través da palabra… Procurar un mundo máis xusto, máis humano… Eu que sei…

En que se basea para escribir os seus libros?

No tempo e no espazo aos que pertenzo, na realidade que me arrodea… E nas propias vivencias, que pesan moito; aínda que aparezan máis ou menos disfrazadas.

Cando principia un proxecto literario, como concibe a trama dese novo libro? Como xorden as ideas?

Eu, como non paso de ser un escritor afeccionado, escribo a arroutadas, sen método, sen ningún tipo de disciplina; case que só cando o necesito. As ideas? Unha vivencia, unha lectura, unha película… Un soñar esperto pola noite, nese punto en que a consciencia é feble e soñar é de balde, moi doce… Ás veces, algún soño deses faise realidade, faise texto. Pero escribo con moita descontinuidade, e todo aquilo que non me sae case dun tirón queda aparcado nalgún caderno dalgún caixón ou no entripado do ordenador.

Qué xéneros son os seus preferidos á hora de escribir?

Vou por épocas. Houbo tempos en que escribía máis narrativa; ultimamente… algo de poesía (no caso de que sexa poesía o que eu escribo) e… algunha páxina narrativa que outra, fabas contadas. Tamén me gusta moito escribir artigos de opinión de cando en vez, cando me peta. E ferretes, e… Pico aquí, pico acolá.

Cando escribe mantén algunha rutina de traballo?o senhor mago e a folla

Non. Houbo un tempo en que durmía mal, erguíame e escribía de noite, a gallarón. Agora… cando lle cadra e como lle cadra, sen aleivosía nin premeditación.

A súa obra mantén un estreito vencello cos Ancares. De que é sinónimo esa comarca?

Ai… de tanto… Os Ancares son beleza, liberdade, paz interior e exterior, natureza esgrevia e brava, outra dimensión do tempo… Harmonía do home co medio e, á vez, evidencia da nosa pouquidade fronte á Nai Terra, dura e escrava tamén, como tan ben entendeu e expresou o grande Novoneyra nos seus versos; claro que, no seu caso, inspirados no Courel, que vén sendo o mesmo. Os Ancares son a testemuña, feble xa, dun pasado recente, pero tan estraño e distante para as novas xeracións; mais… tan presente aínda en min. Os Ancares son, xa que logo, para min, unha referencia inequívoca, a esencia de min mesmo… Se a infancia, e a mocidade, son a patria do home, e da muller, os Ancares son a miña patria; e na medida en que un lle vai ganando anos á vida, a infancia e a mocidade rebélanse con máis forza e intensidade e son as derradeiras pegadas que se esvaecen na memoria.

E como toda a miña literatura é moi vivencial, os Ancares regan xenerosos a miña escasa colleita escrita; non podía ser doutra maneira, porque eu só escribo do que coñezo; e o que mellor coñezo son os Ancares. Literatura costumista, entón? Será…

Un recurso habitual nos seus libros é a natureza e os recursos naturais. Son libros abertos á natureza. Cal é a súa relación co medio ambiente e o mundo natural?

O que respondín á pregunta anterior sérveme para esta: nacín e medrei na natureza, e vivimos moitos anos do que a natureza nos daba. Entón…

Hoxe vivo na cidade, pero sigo botando un cestín de patacas e un pequeno horto á man, sigo plantando árbores, escanándoas, apañando mazás… Sigo gadañando a herba, aínda que sexa con motogadañadora… Sigo aí… E boto a faltar as vacas, as ovellas, as cabras… Ora ben, tal vez sexa un anhelo máis “poético” ca outra cousa; porque a realidade tamén tiña os seus puntos escuros, pero estes perdéronse polo río abaixo do tempo…

o pirata metepataVostede leva o oficio do poeta a algunhas das súas achegas infantís. Que aporta aos nenos ler poesía?

Quero pensar que a poesía axuda a descubrir e a madurar a sensibilidade, nesa etapa na que o cerebro é coma unha esponxa; que esperta o gusto pola beleza, que lles achega aos nenos e ás nenas unha interpretación da realidade diferente, que abre mentes… Pecarei de iluso se digo que ler e gozar coa poesía contribúe a ser mellor persoa? Mais, a fronteira entre poesía e narrativa nos meus textos penso que é bastante difusa; móvome a cabalo da poesía narrativa e da narrativa poética, creo.

Se estivéramos diante da súa mesa de traballo, que veríamos?

O ordenador, a impresora, un rebumbio de libros e de papeis por riba da mesa (todo nun ordenadísimo caos), xerras cheas de bolígrafos, lapis… nada especial. Nalgún tempo tiven algunhas pedras de río e de mar, pero agora a mesa é máis pequena e prescindín delas.

A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?

Hai estudosos que defenden que as ilustracións coutan a fantasía e a capacidade de imaxinación dos lectores e das lectoras infantís; porque lles dan “feitos” os personaxes e as realidades que recrea o texto. Non sei… Tal vez isto ocorra coas nenas e cos nenos máis imaxinativos. Pero tamén é ben certo que unha historia ben ilustrada resulta moito máis atractiva e engaiolante. E que moitos libros para público infantil se mercan, de primeiras, máis polas ilustracións ca polo texto. A min, persoalmente, gústanme moito os libros ilustrados, mesmo os destinados a lectoras e lectores adultos.

Cando comecei a publicar, non tiven ningún tipo de relación cos ilustradores. A Suso Cubeiro coñecino despois de que o conto se vendese nas librarías; sigo mantendo algún contacto con el e gustaríame moito ter a oportunidade de poder volver facer algo xuntos, porque me encanta o seu estilo. A outros non os cheguei a coñecer. E isto é moi triste. Non entendo por que as editoriais non fomentan e facilitan o encontro entre escritores e ilustradores; paréceme moi frío o proceso cando non existe comunicación entre ambas partes. Máis adiante emparellei con Xosé Tomás e… moi ben; falabamos e compartiamos ideas, sen meternos no traballo un do outro; temos tres contos xuntos. Logo, Kalandraka asocioume con ilustradores de fóra, de moito prestixio, pero nunca cruzamos nin dúas palabras referidas aos contos que publicamos. E teño moi boa relación con Noemí López, e puxemos en marcha, xunto con Fernando Gómez Jácome (director de coros e compositor por encarga) un proxecto do que estamos moi satisfeitos; pero… de momento, non atopamos quen nos queira.

A verdade é que sempre tiven moita sorte coas ilustradoras e ilustradores cos que me “asociaron” para publicar, porque os seus traballos fixéronlles medrar moito aos meus textos.

Podería dicirnos algún ilustrador co que estea especialmente cómodo traballando?o monstro dos ancares

Ai, xa contestei antes: só podo opinar de Xosé Tomás e de Noemí López; e, cos dous… moi ben!

Que significa para vostede o oficio de escritor?

Eu non paso de ser un afeccionado á escrita, polo tanto, sería un ousado se falase dende a perspectiva daquelas persoas que teñen por oficio escribir. Como afección, para min escribir é, case sempre, unha necesidade. E é moi pracenteiro; porque, cando acende a chispa creativa e comezan a ferver e a bulir as ideas, ata o punto de que as mans non as dan reproducido á velocidade que burbullan nos miolos, é moi gozoso. Logo, o proceso de mellora e revisión resúltame menos gratificante. Máis adiante, a relación coas editoriais e as ansias por publicar poden chegar a ser frustrantes; pero, outras veces… hai final feliz e, entón… é marabilloso. De certo, escribir tenme dado momentos moi plenos e satisfaccións moi grandes.

Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?

Xa dixen: como para min non é un oficio, non teño unha opinión moi formada. Dificultades? A min frústrame moito que unha editorial non se tome nin a molestia de contestarme, que non valore que detrás dun texto sempre hai unha persoa ansiosa por saber algo do seu proxecto. Podería falar da falta de tempo, pero tampouco teño claro que, se dispuxese de máis tempo, fose quen de escribir máis.

Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?

O peor? Non sabería dicir. O mellor… a afectividade, as miradas cheas de ledicia e ilusión, as risas, os comentarios, as preguntas, as bromas… todo o que che agasallan cando visitas os colexios.

A relación entre o escritor e o lector. Que se aportan mutuamente cando realiza visitas a centros de ensino, presentacións, faladoiros ... ?

Supoño que cando as nenas e nenos lle poñen cara, poden falarlle, mesmo tocarlle e facerlle bromas, como é o meu caso, ao autor ou autora do conto que leron, senten que ese conto lles pertence máis, como se fose máis deles. A vivencia será moi diversa, pero case sempre observas curiosidade, como mínimo; noutros casos percibes un interese máis vivo, e isto retroaliméntate e dálle sentido á túa escrita. Mesmo haberá algún neno ou nena que xa empece a ter gusto pola escrita; quero pensar que para estes nenos e nenas o encontro será moi estimulante.

mago gomaÉ moi curioso que, se miramos na internet, atopamos moitos recursos das súas obras realizadas polos nenos e nenas das escolas. Por que cre que conectan tan ben os seus libros cos cativos?

Cómpre facer unha observación: normalmente, os libros ou contos que se empregan para traballar nos colexios, dende a dimensión que sexa (pintura, música, dramatización…) acostuman ser unha escolla da profesora ou profesor, ou grupo de profesores, que van desenvolver a actividade; o que non quita que, supoño, en bastantes casos, a profesora ou profesor poida escoller algún texto despois de comprobar que lle gustou á rapazada. Tal vez o estaren moi presentes os animais, a natureza en toda a súa extensión, a tenrura, os sentimentos máis básicos e universais… poida influír. E, quizais, o feito de traballar ao longo de vinte anos con nenas e nenos pequenos me servise para entender algo mellor o seu abano de intereses e a súa maneira de sentir. Non sei…

Que proxectos veremos en vindeiras datas da súa autoría?de como chispo

E… verémolos? Xa me gustaría. Ando intentando “colocar” dous contos nos que eu confío moito, pero, polo de agora, son eu o único que confía. Ambos os dous son moi tenros; un con moito pouso didáctico, ademais; e o outro cunha linguaxe moi poética e cunha composición musical moi fermosa. Xa veremos…

Para lectoras e lectores adultos, si, verémolo; acabo de parir un libro+dvd de recolleita, moi caprichoso e desexado: Poemas de Amor en Outono. A ver se namora…

 

 

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Veu visitarnos >

Axenda LIX >