Print this page

Teño uns pés perfectos entra nos White Ravens 2016

Rate this item
(2 votes)

O libro Teño uns pés perfectos: un libro para ler cos pés descalzos, da autora compostelá María Solar e publicado na colección Sete Leguas de Kalandraka, vén de ser incluído na selección The White Ravens 2016 pola Internationale Jugendbibliothek de Munich, que seleccionou 200 obras de 60 países para formar parte desta prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e xuvenís.

Con este recoñecemento, o galego é unha das 42 linguas representadas en The White Ravens 2016, cuxo comité de selección destacou que María Solar aborda nesta obra un aspecto tan “novidoso e inusual” como os pés, dando como resultado un libro “informativo e entretido”. Os especialistas da Internationale Jugendbibliothek tamén destacaron o “enxeño” das ilustracións do arxentino Gusti, que invitan os lectores a “fixarse máis” nesta parte do corpo.

Concibido como un libro dentro doutro libro, Teño uns pés perfectos contén unha parte de creación literaria e outra informativa, diferenciadas pola cor do papel. O protagonista é un neno que se presenta a un concurso no que, inesperadamente, ten que demostrar os seus coñecementos sobre os pés, dos que non sabe nada ata que descobre un libro con información sobre os tipos de pés, a súa anatomía, a función que cumpren e moitas curiosidades sobre esa parte das extremidades inferiores que pasa tan desapercibida. A narración destaca polo ton humorístico e ameno.

Con esta nova distinción, María Solar suma outra nominación na lista The White Ravens, que xa acadara en 2015 por O meu pesadelo favorito (Galaxia).

A prestixiosa escolma The White Ravens está impulsada pola Internationale Jugendbibliothek, unha institución fundada en 1949 por Jella Lepman para reunir literatura infantil e xuvenil de todo o mundo, analizala e achegala aos lectores como ferramenta de intercambio cultural.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati