Print this page

Presenza galega nos premios Fundación Cuatrogatos

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Cuatrogatos vén de publicar os gañadores do Premio Fundación Cuatrogatos, un catálogo de libros publicados a nivel hispanoaméricano, editados en lingua castelá, altamente recomendados polos seus valores literarios e plásticos que merecen ter unha grande difusión. Trátase en total de 20 títulos gañadores, outros 20 finalistas e outros 90 recomendados. Unha listaxe onde atopamos unha nutrida presenza galega en forma de autoras e autores, ilustradores e editoriais do país.

Entre os gañadores está un libro da editorial pontevedresa Kalandraka, trátase de  Mundinovi, con poemas de Juan Carlos Martín e ilustracións de Federico Delicado. Calificado polo xurado do certame como un “engaiolante paseo polo universo dos monicreques e os titiriteiros”, Mundinovi xa fora galardoado co VIII Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Niños.

Entre os finalistas atopamos o poemario En la cuna del mar, do vigués Antonio García Teijeiro con ilustracións de Xosé Cobas e publicado por Creotz. Este libro forma parte da triloxía que se completa con Poemar o mar (Xerais) e Palabras do mar (Embora).

E catro títulos máis no apartado de recomendacións de autoras e autores galegos. Trátase das tradución ao castelán de Esmeraldina, a pequena defunta (Xerais) de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Rivas, A estrambótica Illa do Tesouro (Bululú) de Pinto&Chinto, A neve interminable (Xerais) de Agustín Fernández Paz e Balea (Kalandraka) de Federico Fernández e Germán González Pintos.

Kalandraka tamén foi quen de colocar entre as recomendacións da Fundación Cuatrogatos de cuatro libros máis do seu catálogo: Somos amigos?, de Anabel Fernández Rey; Limón, de Antonio Rubio e ilustracións do ourensán Óscar Villán; A viaxe de mamá, de Mariana Ruiz Johnson; e Trastario, de Pedro Mañas e ilustracións de Betania Zacarias. A maiores outros dous libros recomendados pódense ler en galego. Trátase de Agente Ricitos, de El Hematocrítico e ilustracións do coruñés Alberto Vázquez (publicado en galego por Xerais baixo o título Axente Riciños) e Mi tío Harjir, de Fermín Solís (publicado en galego por El Patito como O meu tío Xakim).

A Fundación Cuatrogatos é unha organización sen fins de lucro creada en Miami, Estados Unidos, polos escritores Sergio Andricaín e Antonio Orlando Rodríguez para traballar en prol da cultura e a educación. Entre os seus principais obxectivos están a investigación e o estudo da produción editorial en castelán dedicada aos lectores infantís e xuvenís.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati