Print this page

Mulleres de conto no XIX Salón do Libro de Pontevedra

Rate this item
(0 votes)

As mulleres que conforman o mundo da literatura infantil centrarán Mulleres de conto, o lema co que arranca hoxe o XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Unha merecida homenaxe ao papel das mulleres na Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), tanto como personaxes dos libros, como autoras, ilustradoras e tamén no mundo do libro nun contexto máis amplo: editoras, libreiras, bibliotecarias, mediadoras… A figura de María Victoria Moreno, como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, terá tamén unha especial relevancia dentro das accións que se están a programar para este salón.

Nesta edición, do 6 ao 29 de abril, as e os asistentes poderán gozar de música e monicreques con Fantoches Baj, de teatro con Baobab teatro ou de obradoiros con Mercedes Queixas Zas e Paula Pereira, así como contacontos, visitas guiadas, cinema, accións formativas, concertos...

Este ano tamén se incorporará un país convidado, será México. Polo Salón do Libro de Pontevedra pasarán libros, autores e autoras, ilustradores/as e editores/as, coa finalidade de achegar as crianzas á cultura literaria de distintos países do mundo, así como establecer alianzas estratéxicas que permitan aumentar a colaboración, nun camiño de ida e volta, entre a LIX galega e a de México, neste caso.

Apoiado nun traballo de case dúas décadas co que o Salón do Libro se consolidou, claramente, coma o evento de Literatura Infantil e Xuvenil máis importante de Galiza e un dos máis relevantes do Estado, o concello de Pontevedra decidiu apostar por iniciar unha nova etapa na que a internacionalización e a captación do lectorado adolescente serán os dous obxectivos principais.

Additional Info

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati