Print this page

Monserrat Pis Marcos gaña o XIII premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de Narración

Rate this item
(0 votes)

A escritora compostelá Monserrat Pis Marcos coa obra Dos estranos ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas (presentada baixo o lema Cando Lady Moon acordou, o ornitorrinco aínda estaba alí), foi a gañadora do XIII premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de Narración, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado destacou da obra galardoada que se trata "dunha historia extraordinaria, que transmite moita tenrura, e ten unha vertente educativa moi interesante na que os personaxes transmiten importantes valores". Asemade o xurado puxo de manifesto "a narrativa, coloquial pero con cultismos, e o xénero fantástico, que denota unha autoría literaria avezada", destacando que a obra "axéitase ben para poder ser ilustrada dentro do espírito do premio".

Das 16 obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou "a alta participación e o alto nivel de todas as obras presentadas, polo que resultou moi difícil tomar a decisión, pero por unanimidade se acordou a obra gañadora".

Agora ábrese o prazo para o Premio de Ilustración e os interesados en participar no "XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración", poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou a través do teléfono 988 317790. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Monserrat Pis Marcos. Nesta modalidade establécese un premio coa mesma contía co de narración de 1.500 euros, e os traballos deberán presentarse antes do día 31 de marzo de 2016.

O xurado da XIII edición do "Premio Pura e Dora Vázquez de Narración" estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

Este certame, organizado pola Deputación de Ourense, quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez.

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati