Print this page

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015

Rate this item
(1 Vote)
Ledicia Costas Ledicia Costas

A escritora viguesa Ledicia Costas é a gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do estado español na súa edición do 2015 pola novela Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais). Este galardón concédeo Cultura para distinguir unha obra escrita en calquera das linguas oficiais do estado e editada no propio estado no ano 2014.

O xurado destacou a Escarlatina, a cociñeira defunta por ser “unha obra extraordinaria, humorística e rompedora no contexto da literatura infantil e xuvenil actual que destaca tamén pola súa doada lectura, polo seu humor escalafríante, e pola habilidade para desmitificar o mundo da morte”. O xurado estivo composto nesta edición por Diego Arboleda, Cesar Mallorquí, Carme Riera, Rosario Álvarez Blanco, María Asunción Agiriano, Vicenç Llorca, Montse Pena Presas, Gemma Lluch, Concha Barrigós, Paula Izquierdo, Marina Sanfilippo e Teresa Corchete. O xurado estivo presidido por José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta Mónica Fernández.

Escarlatina, a cociñeira defunta, que xa vai pola súa cuarta edición e con máis de 8500 exemplares vendidos, conta a historia de como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

Con ilustracións de Víctor Casas, Escarlatina, a cociñeira defunta foi premio Merlín de Literatura Infantil 2014, premio Neira Vilas ao mellor libro Infantil e Xuvenil, premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil e á Mellor Portada de LIX 2014.

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati