Print this page

Ledicia Costas gaña o Lazarillo 2015

Rate this item
(2 votes)
Ledicia Costas Ledicia Costas Foto: Ollo de Vidro-ACAB

Sen dúbida que este 2015 estase a converter nun dos grandes anos na vida literaria da escritora viguesa Ledicia Costas. Se hai tan só unhas poucas semanas coñecíase que a súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta acadara o premio “nacional” de literatura infantl e xuvenil, agora ven de gañar outro dos grandes premios a nivel estatal, o premio Lazarillo 2015, que concede a OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil ), pola obra titulada Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante.

Este prestixioso galardón lévase convocando dende o ano 1958 coa finalidade de estimular a creación de bos libros para nenos e mozos. Esta é a oitava vez que o premio vai para obras galegas, sendo a última gañadora María Solar con O meu pesadelo favorito (Galaxia), curiosamente na edición pasada.

O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI e por Arantxa Bea, Aurelio Erdozain, Ana María Navarrete e Antonio Manuel Fraga, designados por cada unha das catro seccións territoriais da OEPLI. Actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaría Técnica da OEPLI. O xurado destacou da obra gañadora ser “unha novela ben escrita, con unha narración fluída, unha estrutura moi ben conseguida e un linguaxe literario sinxelo pero elaborado, que combina con precisión elementos da realidade e ficción e dándolle un ar de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura”.

Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante é unha obra ambientada no Vigo do século XIX. Recréase unha das visitas de Jules Verne á cidade que lle inspirou para escribir un dos episodios de 20.000 leguas de viaxe submarina. Sen embargo, en contra do que acredita a documentación da época, esta visita de Verne a Vigo no ano 1884 non é fortuíta. O escritor chega á cidade porque está seguindo o rastro das misteriosas mulleres planta.

A protagonista desta obra é Violeta, unha adolescente intelixente e inconformista que vive cos avós nunha botica. Os tres están convencidos de que ninguén máis que eles coñecen o segredo que gardan dende décadas: que tanto a propia Violeta como a súa avóa Melisa pertencen a esa estirpe de mulleres metade humanas, metade planta. Coa chegada do escritor á cidade iníciase unha aventura onde hai submarinos, iates a vapor, desenfeluxadores e estrañas criaturas con alma de planta.

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati