Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

O exército de fume (Xerais) de Manuel Gago

Rate this item
(5 votes)
O exército de fume (Xerais) de Manuel Gago Foto: Sole Felloza

Manuel Gago ten olfacto para pescudar na intrahistoria de Galicia. Xa o fixera na súa anterior novela, O anxo negro, onde sacaba a reflectir a lacra do espolio do noso patrimonio, e agora neste O exército de fume para sacar á luz o esquecido mundo da guerrilla antifranquista galega e a pegada da II Guerra Mundial no noso país, aspectos tanto o un como o outro agochados baixo un manto do silencio.

Estamos ante unha novela onde se mestura a aventura, a emoción, o suspense, as historias de espionaxe e contraespionaxe, a memoria, a acción. E especialmente a paixón, porque Gago é ante todo un comunicador, e ese entusiasmo seu para contar, para difundir, trasládase do mesmo xeito aos seus libros.

E todo relatado a ese ritmo frenético ao que nos ten acostumados o escritor barbanzán nos seus libros: capítulos curtos, lectura trepidante e que deixan ao lectorado con gañas de devorar unha folla máis.

 

Tanto no booktrailer como na contracapa de O exército de fume fálase de que no ano 1942 en Galicia líbranse dúas guerras. De que guerras estamos a falar?

Son dúas guerras agochadas baixo un manto de silencio. Un mutismo imposto por mor da censura existente na prensa daqueles anos. Unha desas guerras é a II Guerra Mundial, que afecta a nivel global. O que acontece na II Guerra Mundial tendo a Galicia como centro é o que eu describo como a historia descoñecida máis coñecida de Galicia, que sería o volframio e toda a explotación mineira vinculada á provisión de material para a industria bélica. Pero neses anos de guerra hai outros aspectos máis descoñecidos, como son as redes de espionaxe, o apoio loxístico a cada un dos contendentes ou a organización para a fuxida de refuxiados dos países que foron ocupando os nazis. Esa historia descoñécese, ou sábese moi pouco e de forma solapada.

Iso por unha banda, e por outra está a guerra levada a cabo pola guerrilla, a resistencia galega antifranquista. Nese ano de 1942, no que transcorre O exército de fume, a guerrilla aínda é forte, dispón de apoio popular e está asentada en diferentes puntos da xeografía galega. Ten capacidade para levar a cabo diferentes accións e plantar cara á Garda Civil e ás forzas do estado franquista. Esa tamén é unha guerra, tamén solapada, que só vai coñecer a xente onde se desenvolven os feitos.

Ambientada en Galicia, O exército de fume ofrece unha España involucrada nun escenario bélico mundial. En teoría neutral, o estado franquista era claramente pronazi, especialmente na etapa de Serrano Suñer en Asuntos Exteriores, e iso levarase á práctica.

É evidente o apoio de Franco aos alemáns, principalmente para pagar favores levados a cabo por estes durante a Guerra Civil uns anos antes. No transcurso da II Guerra Mundial Franco ten que bailar a dúas augas. Por unha banda ten que devolver aos alemáns eses favores dunha forma explícita, pero ao mesmo tempo intenta manter unha posición que non irrite ao bando contrario. Que o apoio outorgado aos nazis non desencadee unha acción aliada contra o seu réxime. Ten que pugnar con esas dúas cuestións e boa parte do que veremos sobre o apoio de Franco aos nazis ten que ver con ese difícil equilibrio. Franco amparará aos alemáns, estes instalaranse nos territorios que lles interesan, pero Franco tamén negocia cos británicos, os cales exercen a súa propia presión, o seu propio poder e o seu propio sistema de subornos dentro do goberno do ditador. O que veremos na novela susténtase nesa dualidade.

O abastecemento de submarinos nas rías galegas, os portos creados polos nazis para a exportación de volframio... son algúns exemplos da fonda pegada alemá durante a II Guerra Mundial no noso país. Lembro igualmente un interesante artigo de Rafael Lema sobre a importancia da infraestrutura nazi para o desenvolvemento da minaría en Galicia*. Vostede amosaranos nesta novela as nosas dúbidas como pobo co pasado.

Houbo moitos episodios vinculados aos alemáns en Galicia, tanto coa minaría como na costa cos submarinos. Unha clave da estratexia militar alemá era illar a Gran Bretaña por todos os medios. E no caso dunha illa iso ten que ver co mar. No caso de Galicia é moi importante porque está xeográficamente situada no punto de cruce entre a Europa do norte e Xibraltar, que sería a entrada ao Mediterráneo.

Houbo moito silencio respecto a iso. Eu tardei anos en coñecer que un barco da miña propia familia** saía a mar aberto para aprovisionar estes submarinos alemáns. O triste é que boa parte disto non quedou escrito, porque as operacións secretas por definición non deixan rastro. Saen á luz se a xente está disposta a contalo. E a memoria ás veces esmorece ou quen o viviu prefire calar.

A día de hoxe vemos os relatos de alemáns como unha especie de relatos míticos. Como os alemáns non eran de aquí, non era perigoso falar deles. Nos sitios onde tiveron máis presenza, agás nalgúns casos, á xente non lle custa falar deles, cousa que si acontece no caso dos guerrilleiros, onde predomina o silencio. Velaí a diferencia entre esas dúas figuras e esas dúas guerras. Os guerrilleiros eran de dentro, con familiares, con historias duras, desas que deixan pegada, memoria e sangue. No caso dos nazis construímos con eles o que facemos cos mouros: unha especie de figura case que mítica. Os nazis en Galicia convertéronse nese “outro” sobre o que podes falar sen que sexa un tema especialmente conflitivo. 

* Ver en http://www.anosacosta.es/varios/reportajes-anosacosta/2011/07/12/los-nazis-impulsaron-la-mineria-comarcal/

**O autor é de Palmeira (Ribeira)

O título da novela fai referencia a un exército de fume, un exército volátil, aquí protagonizado por unha mestra do rural, un pintor e un guerrilleiro, convertidos sen querelo en simples peóns dentro dun complexo taboleiro de espionaxe e contraespionaxe entre as dúas grandes potencias confrontadas na guerra: británicos e alemáns.

A miña tese é que todos e cada un de nós está atravesado polo vento da historia. Formamos parte do noso tempo. Non coñezo a ninguén, en ningunha época, que estea fora do seu tempo histórico. Eses tres personaxes da novela dalgunha forma son arrastrados pola historia e é a historia quen os transforma vital e persoalmente.

No caso de Celia, a mestra, pode que sexa mais visible esa evolución ou cambio, que afectará tanto a si mesma como á relación que mantén co seu pai, e incluso sobre a como se considera ela como muller. Transfórmase. No caso do pintor a guerra é o que lle fai redimirse ou reconciliarse cun pasado que ten moi marcado. E con Ramallo, o guerrilleiro, tamén é ese factor da historia o que de súpeto lle fai transformar o que decide en relación á propia guerrilla.

Creativamente debeu de ser moi interesante o feito de empregar tres personaxes tan heteroxéneos para esta novela, localizados en diferentes puntos xeográficos e sen aparentes conexións entre eles.

Eu gusto moito das novelas que se abren e que se pechan. Tanto na miña anterior novela, O anxo negro*, como nesta, utilicei técnicas semellantes, as de deixar avanzar as tramas e que sexa o lector quen busque ou quen intente atopar as conexións entre os diferentes elementos. E do mesmo xeito que o vento da historia nos arrastra a cada un de nós, vai establecer conexións entre persoas que son notablemente distintas. Eses nexos persoais que se poden dar resúltame un feito moi interesante. E seica iso sexa o máis literario de todo.

Empregar diferentes personaxes en lugares distintos axudábame a desenvolver unha idea que quería transmitir, que era como ese conflito chegaba e afectaba a diferentes puntos. E traballar con tres tipos de escenarios pode resultar de interese para que o lector se enganche e goce da historia. De todos os xeitos, o meu principal obxectivo con esa estrutura era contar unha historia coral que me permitira retratar unha época desde diferentes puntos sociais e diferentes miradas.

*O anxo negro, publicado por Xerais en 2016.

A estrutura de novela lémbranos en parte a súa anterior novela, O anxo negro: capítulo curtos, a historia difundida dende múltiples perspectivas, una narrativa que case nos obriga a unha lectura trepidante, eses diferentes escenarios...

Un lector de O anxo negro díxome nunha ocasión que podía ler esa novela sen arrepentimento. Gusto de escribir para xente do meu tempo. Xente que pasa moitas horas no seu traballo, que ten que conciliar coa vida familiar e que cando chega o momento de ler non quere renunciar a unha lectura intelixente pero que ao mesmo tempo sexa unha lectura que lle axude a viaxar e a se meter noutro mundo. Atráeme conciliar eses dous elementos: unha literatura de evasión que de vez te permita ampliar horizontes.

Boa parte da novela está protagonizada polo heroico Ramallo, un guerrilleiro saído do teu maxín pero con aspectos facilmente recoñecibles noutros tantos guerrilleiros. Na historia da guerrilla galega hai moito de memoria popular, chegando incluso á lenda.

De feito ás veces é moi difícil separar a realidade da lenda, e iso é algo que me resulta moi interesante no sentido de que: o que se coñece dunha persoa é real ou deveu nunha imaxe reconstruída? E iso é o que aconteceu coa guerrilla e cos guerrilleiros.

No traballo de documentación e en entrevistas que mantiven con diferente xente para preparar este libro decateime de que me estaban a falar -en determinados aspectos- de personaxes, máis que de persoas. Velaí aparecían nos seus relatos a súa valentía, a bravura, a súa xenerosidade... Dalgún xeito, os guerrilleiros reencarnaban unha especie de épica popular. Eses relatos sobre a guerrilla, que aínda se mantén na memoria popular, supuña a construción de figuras de heroes que dalgunha forma non chegaron a pasar ao imaxinario colectivo.

Literariamente, a min me interesaba esa figura do heroe, e quería explorar como sería un heroe contado dende o ano 2018 e con eses trazos do mundo popular pero sen renunciar tampouco á forma de ver o mundo dende o noso tempo.

A guerrilla pode que estea no imaxinario popular das zonas onde actuaba, pero fora de aí o coñecemento que se ten dela é mínimo, agás se falamos de personaxes moi concretos como Foucellas ou o Piloto, pero pouco máis.

Cando empecei a escribir esta novela e estaba co traballo de documentación, decateime da escasa literatura de ficción sobre a guerrilla que había en Galicia.

Fixera un baleirado sobre o que se escribira sobre a guerrilla en Galicia en termos de ficción e preguntara a especialistas, que me contestaban que si, que se escribiran moitas cousas. “Que cousas?” preguntaba eu. E empezaron a citarme ensaios. Pero non -retrucaba eu- cousas de ficción! Algúns falaban do primeiro libro de Ramón de Valenzuela*, onde efectivamente o tema de guerrilla aparece, pero só nos dous primeiros capítulos. E así continuamente. Cheguei á conclusión de que a guerrilla era a típica historia de que se non falamos dela é porque a día de hoxe aínda non nos sentimos cómodos falando dese tema. Realmente é curioso, porque si se fala moito da Guerra Civil pero non da guerrilla. Sobre isto pode haber moita teorías, pero eu fago miña unha que tamén dicía Quico** [guerrilleiro e enlace da Federación de Guerrillas León-Galicia], quen conta que cando eles volven na Transición tras o exilio sentíronse como en terra de ninguén, que nese proceso de reconciliaciónnon encaixaban en ningures, porque foron loitadores nun momento no que non se loitaba. E cometeron algunha que outra acción que despois non estaba ben lembrar. E no caso concreto de Galicia, os guerrilleiros non tiñan unha ideoloxía nacionalista.

* Non agardei por ninguén (Citania, 1957)

** Francisco Martínez López, Quico (Cabañas Raras, León, 1925) 

Un dos aspectos máis interesantes de O exército de fume é a visión da guerrilla que fai vostede dende dentro, amosando ao lectorado a súa face máis humana. Coas súas luces e as súas sombras. A afouteza, os ideais, a nobreza dos seus actos fronte as dúbidas,as traizóns, as reflexións sobre o que deixaron a atrás...

Os guerrilleiros eran persoas que estaban sometidas a un estrés brutal. Creo que é moi difícil, hoxe en día, imaxinar a tensión á que estaba sometida esa xente. Pode que tiveran unha certa confianza dentro das marxes onde se movían, pero non deixaban de ser fuxidos, combatentes. Non dependían só de si mesmos para sobrevivir senón que precisaban das relacións de confianza coa xente. Non tiñan vías de provisión económica asegurada, senón que debían de recorrer ao asalto. Era xente ao límite, e como xente vivindo ao límite temos que velos con determinados tipos de actitudes que ás veces de seguro eran moi exacerbadas, como calquera de nós que se vexa sometido a unha situación de estrés extremo.

Outro aspecto a destacar en canto a este mundo é a dualidade entre o guerrilleiro como combatente solitario e o guerrilleiro como parte da engrenaxe  de algo máis grande, como vostede nos relata en O exército de fume coa chegada de Camilo.  

Interesábame traballar iso. Non aconteceu exactamente no ano 1942 no que transcorre O exército de fume pero si era adiantar o que sucedeu na guerrilla galega anos despois, co intento de control da mesma por parte do Partido Comunista. Sonche dúas visións do mundo: a daqueles que se sentían republicanos e que se negaban a ser vencidos, os que dalgún xeito representaban o espírito popular galego da resistencia; e por outra banda era a visión dun partido político que pretendía construír un exército regulado e con todos os esquemas de obediencia.

Sobre iso eu tiña a dúbida de como ían reaccionar os comunistas con respecto a iso. E falando con vellos comunistas e con vellos sindicalistas que leran a novela dicíanme que estaba ben tratado, que Camilo facía o que tiña que facer. Chamoume moito a atención como eles asumían iso con naturalidade. Alegreime. Eu non quería que o meu Camilo fose un dos “malos” da novela, senón que era alguén que nese momento facía o que tiña que facer, cos métodos dese momento para chegar a onde quere chegar, e non podemos definir a súa actuación dende unha visión simplista de “bos” e de “malos”.

Un dos personaxes máis interesantes da novela é o de Celia Pardo, practicamente unha rapaciña, inocente, procedente dunha familia da burguesía coruñesa, mestra destinada a unha aldea remota da Costa da Morte. Sen dúbida é unha das personaxes que máis medran ao longo da historia, de máis complexidade. O personaxe máis difícil de ficcionar?

Ao igual que de Lugrís, o pintor, temos unha base real, e de Ramallo, o guerrilleiro, o mesmo, a personaxe de Celia Pardo está construída tomando como base varias historias reais. A min un dos aspectos que máis me impactou da Guerra Civil, especialmente no caso de Galicia, é que o relato está construído en base dos que perderon, dos que sufriron. Da xente de clase baixa que padeceu a guerra. Pero temos moi poucos relatos de como percibían nesa época a xente de clase alta, especialmente a xente de clase alta que non estaba metida en política. A personaxe de Celia nace como resultado dunha serie de entrevistas feitas hai anos. Non entrevistas feitas a mantenta para esta novela, senón entrevistas que fixera a señoras de clase alta, moi maiores, onde falabamos da época da República, da guerra e desas cousas. Unha desas señoras ensinoume un álbum de fotos familiares. Había moitas fotos e ensinoume unha en concreto. “Mira, esta foto é de cando cumprín eu os dezaoito anos, no verán. Que ben o pasamos!”, dicía ela. Era unha foto de moita xente, en traxe de baño, pasándoo estupendamente, a festa, unha casa tremenda... E cando cumpriu vostede os anos?, preguntei eu. O 31 de xullo de 1936, contestoume. Logo na casa busquei onde estaba a casa da señora, e vin que a un quilómetro ou a quilómetro e medio da casa, o día anterior, asasinaran e tiraran a unha cuneta a un montón de xente. Celia Pardo nace un pouco da perspectiva de como determinada xente de clase alta vivía moi allea ao conflito. E no caso dela deliberadamente allea porque o seu pai non quería que Celia estivera vinculada por unha serie de cousas que pasaran e que se contan na novela. Daquela houbo moitas Celias que podían vivir nun estado de inocencia bastante grande co que estaba a acontecer, especialmente porque tampouco tiñan contacto algún coa xente que estaba padecendo iso.

Por todo o anterior foi moi interesante a construción do personaxe de Celia, ver como medra en base a como vai descubrindo as cousas.

O outro grande cambio que vive Celia é cando descobre que hai mulleres que teñen poder de decisión por si mesmas. E esa conciencia non lle ven dada dende o mundo republicano, senón dende unha señora da propia Falanxe, da que sexa a súa primeira amiga adulta. A partires de aí descobre que ela pode ter máis autonomía como persoa da que pensaba que tiña. Gústanme moito a xente que non segue os camiños establecidos, que a súa evolución procede de lugares onde non son os tópicos ou os que cabería esperar.

O exército de fume é unha novela que conta cun importante compoñente cinematográfico, levado iso incluso á forma de narrar.

Esa foi unha das decisións máis complicadas á hora de abordar a novela. Para min a primeira frase é como ter a chave da partitura. O xeito de como vou contar a historia foi unha decisión moi consciente.

Como narrador, eu son un narrador galego, no sentido de que en O exército de fume hai moi poucas descricións. Non se describen demasiadas cousas. Mesmo cando falo da Costa da Morte ou dese espectáculo que é o inicio da ría de Corme, non detallo case nada. Pero é algo premeditado, parto da base de que unha boa parte dos meus lectores xa coñecen iso e pódense facer unha idea moi clara de como é. Asumo que o lector sábeo e coñéceo, e iso permitirá centrarme na acción. Hai por exemplo un momento no que falo do muíño dos Vilares, e apenas digo nada de como é un muíño dese tipo. Calquera lector galego ten identificado moi ben esa imaxe, pode que un lector non galego falle por aí, de que non teña na cabeza como pode ser un muíño encaixado nun río, pero como dicía antes, asumo ese risco para o beneficio da acción.

E logo hai outro factor que sería que eu chego a esta novela logo de ver moitísimos filmes, de ler novelas, banda deseñada... baseadas no mundo da II Guerra Mundial. Igual que o lector sabe de que estou a falar cando falo dun muíño, tamén sabe do que estou a falar cando falo dun submarino, dunha base militar, de avións pasando por riba de ti... Gústame explorar as conexións que co imaxinario común pode ter a xente. E se a xente coñece de antemán ese mundo, prefiro non determe aí e centrarme máis na acción, porque as imaxes están na cabeza da xente. Eu o único que fago é chamalas para a novela. Cando en O exército de fume aparece un nazi, ti sabes como vai ser: o seu porte, a súa vestimenta, como vai fumar...

Tanto este O exército de fume como o anterior O anxo negro teñen moito de “achegarse ao lugar”, inhalando tanto o espazo físico como o momento histórico.

Para as miñas novelas teño que me encontrar con persoas reais, ter un encontro coas fontes e evidentemente, ter un encontro co lugar. No caso de O anxo negro recreei ese lugar, que non existe, de forma moi detallada, porque sentía que debía falar dun lugar que aínda que non fose real, eu como narrador tiña que pensar que si era real, para sentirme a gusto escribindo. En O exército de fume pasa unha cousa parecida. Os lugares son precisos, as distancias entre os sitios son precisas. As persoas que aparecen teñen vínculos con persoas reais, en grande medida. Hai investigación documental detrás que non é só do libro, senón doutro tipo de fontes.

Logo está o exercicio de ficción que é mesturar realidade coa ficción, que se entrecruzarán en diferentes puntos de O exército de fume, principiando polo propio Urbano Lugrís, que será un dos personaxes centrais da novela.

Ao final do libro explico nunha nota que aquí no libro hai unha mestura entre realidade e ficción. Deposito no lector, se el quere, esa parte do xogo, que se pregunte: canto do que estou lendo é real e canto é ficción? Gústame pensar que a novela permite por unha banda entreter como lectura, pero que tamén dea algunhas claves para no caso de que queiras explorar pola túa conta, poidas facelo.

Si está dentro da novela un exercicio deliberado de que algunhas cousas que parecen máis reais son inventadas e outras que parecen máis inverosímiles, son certas. Está feito a mantenta, porque detrás diso hai un detalle importante: ás veces non sabemos valorar as propias historias que temos ao noso redor. Entón tanto en O exército de fume como en O anxo negro está por detrás a idea de que temos que abrir os ollos porque os grandes relatos moitas veces témolos diante de nós.

Nesa viaxe que vai dende a investigación ata a ficción, que foi o que máis lle sorprendeu atopar dese período recente da nosa historia?

A verdade é que moitas cousas, pero sen dúbida algunha todo o relacionado coa guerrilla. Trátase dun mundo do que imos perder a súa memoria, non só a deles, senón tamén a parte de memoria lendaria. Cando empecei con esta novela lin todo o que atopei sobre a guerrilla e despois empecei a preguntar pola miña conta. Empezaron a aparecer moitas historias. Historias que non sei se eran reais ou non, pero que eran marabillosas. O problema é que ningunha desas historias estaban escritas. Os historiadores teñen escrito moito sobre a guerrilla, pero todo o inmenso legado da memoria que deixou a guerrilla en multitude de sitios do occidente coruñés, ou de Valdeorras, etc. ímolo perder. Cando publiquei O exército de fume, e se empezou a ler, chegáronme, e aínda hoxe me chegan, correos de moita xente relatándome as historias que se contaban na súa casa. Historias que falaban da implicación de moitas clases populares con estes homes e mulleres. E eran historias marabillosas, incribles, ... Contábanme como lles axudaban, como durmían na parte de arriba das casas, como lles deixaban o pan en non sei que sitio... pero que todas esas historias compoñen un friso onde eu, despois de ler e de escoitar, aínda non me podo imaxinar a escala a nivel popular que tivo esa xente a comezos dos anos 40. E ese apoio popular é o relato que se vai perder por non quedar contado. Porque ninguén lles fixo caso, porque ninguén criamos que iso era real. Ese relato existe en países como Francia ou en Italia coa resistencia aos nazis. Aquí tamén existe, pero vaise perder. Esas son as cousas que a min me intrigan. Por iso escribo. Porque dalgún xeito ese é o motivo que me impulsou a escribir esta novela e que aínda a día de hoxe me rebenta a cabeza.

Todo libro é unha viaxe persoal, sempre. A miña viaxe no momento en que quero coñecer máis sobre a nosa identidade, sobre a nosa cultura e a forma en que Galicia se enfronta á súa propia memoria. E a guerrilla é un deses puntos sobre os que cada un pode aprender sobre todo iso.

Eu poño sempre o exemplo de Cal do Barqueiro, foi unha das últimas bases guerrilleiras do occidente coruñés. Está alí. Son varias chozas de pedra e covas tapadas con muros. Ten que haber unhas seis ou sete. É unha historia incríbel. Incluso sobre como caeu*. E ti podes crer que contei a historia e non tiven unha soa petición de coñecer o lugar? Estas son as cousas que a min me chaman moito a atención e sobre as que me gusta traballar. Por iso quería tamén contar esta historia, coa finalidade de chegar a un público máis amplo e ver que é o que pasa con todo iso. Outra cousa é conseguilo ou non, pero é o empeño que teño. Intentar introducir estas historias no imaxinario colectivo.

Tamén me chamou moito a atención cando na exposición Galicia 100** expuxemos o mosquetón de Foucellas. Moita xente viña velo como un homenaxe ao propio Foucellas. Era un recoñecemento que lle facían en silencio. Non existían as palabras. Dános medo empregar esas palabras. Entón quería escribir este libro, para que esas palabras estiveran presentes. Antes había o silencio imposto polo vencedor, pero parece que incluso agora estamos seguindo esa lóxica dos que venceron.

*Máis información en Capítulo 0: http://www.manuelgago.org/blog/2017/05/22/cal-do-barqueiro-o-ultimo-refuxio-da-resistencia/

** http://galicia100.consellodacultura.gal   

 

 

 

 

 Santiago de Compostela, xaneiro 2019

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30