Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Pinto & Chinto

Rate this item
(11 votes)

 pinto_chinto

Na súa faceta como analistas gráficos levan anos acompáñandonos todos os días no xornal La Voz de Galicia, onde se converten en auténtica referencia do humor galego. A partires do ano 2000 dedícanse tamén á literatura infantil, e dende o xerminal Suca (Everest) emprenden unha exitosa viaxe literaria na que agora desembarcan con Contos para nenos que dormen deseguida (Kalandraka). Polo camiño, os premios Merlín e o Raíña Lupa.

Facendo da brevidade unha arte, os textos de Carlos López (Chinto) son directos, sen concesións, mesturando a imaxinación co humor e o esperpento, deixando unha porta aberta a mundos imposibles de esquecer; unha porta aberta pola que se asoman as ilustracións de David Pintor (Pinto), un dos nosos ilustradores máis internacionais. Pinto realiza uns debuxos vivos, que se encollen e alongan como querendo fuxir das páxinas do libro, enchéndoos de vida.

Conversamos con Pinto&Chinto, que nos amosan o seu traballo diario como humoristas gráficos, como chamanes que invocan soños a través dos seus libros, e nos convidan, sobre todo, a gozar dos seus relatos.




Fervenzas Literarias: Pinto & Chinto convive como parella artística dende o ano 1993. Cómo xurde esa relación entre Carlos López e David Pintor?

 Chinto: Presentounos Siro López. Nós coñecíamos a Siro por separado e a comezos dos anos 90 creou unha sección en La Voz de Galicia titulada Humor Galego,destinada a buscar novos valores para o humor gráfico. Siro sempre se preocupou moito da continuidade. En Humor Galego comezamos David e máis eu por separado, cada un coa súa firma, sacando cousas.

Cando a sección desapareceu seguimos vinculados a Siro por amizade. Nós desexábamos seguir traballando no eido do humor gráfico; daquela Siro, vendo que un coxeaba no debuxo e o outro do guión, ocorréuselle a feliz idea de xuntarnos: eu facendo os guións e Pinto os debuxos.

As nosas primeiras tiras como Pinto&Chinto saíron en El Correo Gallego, traballamos nese xornal durante unha tempada ata que nos incorporamos a La Voz de Galicia, tamén como parella.

 

Cómo se xestan as vosas tiras en La Voz de Galicia? Cal é o funcionamento diario de traballo?

C: O primeiro que facemos é saber de que tema queremos tratar. Falamos cos redactores do xornal, cos directores de sección...

Pinto: E vemos a portada do día seguinte, cales son os temas que máis interesan ao xornal. Polo xeral escollemos un e entón Chinto empeza a pensar, a buscar información e a concibir unha idea, esbózaa e ma ensina. Entón vemos como enfilalo, que ideas se poden engadir, discutimos... e unha vez vistos os diferentes enfoques eu realizo unha ilustración a lapis. Falamos de novo, discutimos de novo, máis modificacións, ... No intre en que ámbolos dous estamos de acordo e cando eu realizo a ilustración a tinta.

C: Ningún dos dous leva o peso do traballo. A partires dunha idea traballamos xuntos sobre ela, vendo como se pode mellorar e confeccionando as modificacións oportunas.

P: O labor de cada un de nós está moi determinado: Chinto cos guións e eu coas ilustracións. É realmente un labor de conxunto, de equipo, pero tanto o guión como o debuxo ha de ter o visto bo do outro.

 

Existen indicacións por parte das direccións do xornal para establecer unha liña editorial das vosas tiras?

P: Non. Temos que dicir que temos liberdade absoluta. Cando algunha vez un tema interesa moito ao xornal vemos se tiramos por aí, pero ao final sempre somos nós os que decidimos.

C: O que si procuramos é movernos polo mesmo sentido que vai o xornal, vendo cales son os temas que tratará máis en profundidade ese día e procuramos encamiñar a nosa viñeta nese sentido.

 

En Galicia fálase moito da retranca, pero podemos aseverar que vivimos nun país aberto ao humor?

C: Os galegos temos sentido de humor para gozalo e para crealo. Eu creo que o humor é un compoñente clave para o noso ser galego.

O que é unha mágoa é que as publicacións humorísticas non estean pasando polo seu mellor momento, pero iso non só ocorre aquí, tamén a nivel estatal. Moitas revistas desapareceron e a única que parece sobrevivir é El Jueves. Nós colaboramos na revista Retranca, que é unha revista dignísima e merecería un apoio meirande por parte do público do que está recibindo.

P: Que exista Retranca ten moito mérito. Pero como dicía Chinto, en castelán só está El Jueves, que ademais está editada e ligada a Barcelona. Non existe ningunha revista de humor que se edite en Madrid, e iso que contan cun gran potencial de humoristas.

C: En Madrid houbo algún intento como El virus mutante ou A las barricadas, capitaneada por Forges. Intentando ver a situación dende un punto de vista positivo, e sendo certo que desapareceron moitas revistas e que non existe unha publicación periódica continuada de humor, non quere dicir que este desaparecera dos medios. Eses humoristas están agora esparexidos polos xornais de información xeral, nunha aposta clara polo humor. O humorista gráfico é un personaxe moi valorado polos medios. En todos os xornais hai máis dun humorista gráfico cunha presenza importante. O humor gráfico goza de boa saúde.

P: No noso caso temos moitísima sorte, porque podemos vivir disto.

 

Tedes constancia se nalgunha ocasión as vosas tiras e viñetas foron obxecto dalgunha crítica?

P: Non temos constancia diso. Tampouco nos preocupamos de indagar a reacción das nosas tiras.

C: Se te decatas, no web de La Voz de Galicia aparecen as nosas viñetas como se dun blog máis se tratara, pero penso que é o único que non admite comentarios. Nin somos vaidosos para ler os comentarios eloxiosos nin masocas para interesarnos polos despectivos.

P: De tódolos xeitos é normal que haxa xente á quen non lle guste o noso traballo.

C: O humor gráfico ten que meter un pouco de “caña”. As tiras non son asépticas, levan unha forte carga de opinión.

P: Pero é o mesmo que lle pode pasar a un articulista, a un escritor, a calquera que traballe dando opinión nun medio de comunicación.

 

Analistas ou humoristas?

P: Somos xornalistas que utilizan unhas armas diferentes. Mentres que un redactor utiliza a palabra, nós empregamos a imaxe para transmitir unha noticia.

C: Un humorista gráfico non deixa de ser analista. Nós expoñemos unha noticia pero dende outra perspectiva.

 

No ano 1999 aparece o voso primeiro libro xuntos: Sobran as palabras (Xunta de Galicia), onde se recolle un compendio do voso traballo como humoristas gráficos. Isto vai vencellado ao voso labor como humoristas? Que o voso primeiro libro sexa un recompilatorio?

P: Hai que ter en conta que o traballo do xornal ten moi pouca vida, só dura 24 horas, co cal nos apetecía recuperar todo ese traballo. Dábanos un pouco de pena que se perdera ese traballo.

C: Sacamos ese que dis e máis adiante apareceu outro volume na colección Mandaio de Biblos*.

 

* Dez por dous, publicado por Biblos en 2003.

 

No 2000 aparece Espello sen fondo (Espiral Maior) de Carlos López. Presenta neste traballo un longuísimo poema, cunha estrutura épica, sobre a dor da ausencia.

 C: Eu sempre fun un bo lector de poesía. Nese tempo, e froito desa vocación, naceu Espello sen fondo. Sen embargo, a poesía é un xénero sobre o que non volvín insistir, pero creo –ou procuro- que apareza en ríos polos libros de literatura infantil que escribo. E ao mellor por iso non crin necesario retomar esa senda, publicar algún outro poemario.

 

A súa poesía non da un respiro ao receptor. Nunha paisaxe de desgarro, gris, impulsa ao lector nun salto ao baleiro cara o desacougo.

C: Espello sen fondo é un libro moi pesimista, moi brumoso, con imaxes moi desgarradoras, froito dunha época...

Creo que cambiei ao longo destes dez anos, hoxe en día non escribiría esas cousas.

 

Unístesvos en 1993 pero o voso primeiro libro de creación como Pinto & Chinto é do 2001 coa aparición de Suca (Everest). Tras a publicación de Espello sen fondo de Carlos López un ano antes, por qué meterse no mundo da literatura infantil? Que era o que vos atraía deste mundo?

P: Tanto a Chinto como a min gústanos traballar en cousas diferentes, desde escribir poesía a elaborar humor gráfico. Eu tamén me movo noutros ámbitos, como na pintura artística, por exemplo.

Despois duns anos facendo o traballo do xornal apetecíanos explorar outros terreos. Mirar que novos camiños podíamos emprender e que nos gustase a ámbolos dous. Atopamos un punto de encontro na literatura infantil. A Chinto apetecíalle escribir para rapaces e a min non me desgustaba ilustrar para nenos. Velaí o noso comezo. Suca foi o primeiro e é un libro ao que temos moito agarimo, pero que non o volveríamos a facer.

C: É un terreo no que nos sentimos moi a gusto. Seguimos e continuamos facendo cousas. A literatura infantil acolleunos moi ben.

 

En Suca móstrase a imaxinación desbordante, chea de fantasía e o humor sempre presente de Chinto. Sen embargo, Pinto utiliza unha técnica de ilustrar moi diferente do que serían as vindeiras achegas.

P: Cando empezas nun mundo alleo a todo o que fixeches anteriormente o que procuras é experimentar. Precisamente foi o que ocorreu con Suca. O seguinte libro que ilustrei foi radicalmente diferente.

Persoalmente necesito tentear e buscar novas técnicas de expresión porque me aburre anquilosarme nun só estilo.

 

A partires de Suca emprendedes un ritmo desbordante, con varios libros publicados ao ano, tanto baixo o carimbo de Pinto & Chinto como a nivel individual.

C: É certo, houbo un parón duns catro anos, pero nestes últimos anos levamos un bo ritmo.

P: Pero tampouco nos impoñemos unha regularidade de traballo; non nos marcamos o obxectivo, por exemplo, de publicar tantos libros nun ano concreto.

C: E tamén depende do choio do xornal, que nos ocupa tempo dabondo.

P: Temos a sorte de ir publicando libros segundo van xurdindo as ideas.

 

Os libros asinados como Pinto& Chinto son igualmente un traballo conxunto ou é algún de vos que leva todo o peso do relato?

C: É un proceso moi similar ao que desenvolvemos coas tiras. Eu escribo primeiro os textos e cando teño o libro máis ou menos configurado pásoo a Pinto. Comentámolo e unha vez argumentado e posto en común enviámolo a un editor. Se nos dan o visto bo Pinto comeza coas ilustracións.

 

No 2005 BDBanda recolle nun volume un dos vosos personaxes máis carismáticos, Tito Longueirón. Foi unha especie de homenaxe a este personaxe voso?

C: Tito naceu na revista Golfiño, dirixida daquela por Fausto Isorna, que nos convidou a participar na revista facendo unha páxina de banda deseñada. Era un terreo que non pisáramos nunca.

P: É un personaxe que apreciamos moito e deunos moita mágoa o peche de Golfiño.

C: Pero Tito non desapareceu totalmente. Esporadicamente segue aparecendo na revista Tretzevents, unha revista de banda deseñada para nenos en catalán.

P: Pero en lugar de chamarse Tito Longueirón chámase Tano Filferro.

C: Pois cando Kiko da Silva nos chamou para publicar a Tito Longueirón en BDBanda fíxonos moita ilusión. Sucede un pouco como coas tiras, que sería recompilar nun volume todo ese traballo que apareceu en varios momentos.

P: Ese traballo quedou moi ben. Esperamos que Tito volva ter un acubillo nalgunha publicación de Galicia.

 

Entón Tito Longueirón non se retirou?

P: Non de todo. Fichárono en Catalunya. A ver se algunha vez pode volver a Galicia.

 

No 2005 foron dous os títulos publicados: Historia de Román o bombeiro (Everest) e O pequeno da familia fantasma (Sotelo Blanco), premiado co Frei Martín Sarmiento. Se en Suca falabamos de imaxinación, fantasía e humor –que aparecerá de novo-, aquí se engade un toque de surrealismo e de absurdidade.

C: O realismo máxico e o absurdo é unha constante nos textos que eu escribo e neses libros que comentas xa se empeza a perfilar. O humor que tende ao absurdo ou ao disparate é un campo onde me sinto moi a gusto. A maiores das características comentadas eu engadiría que hai inclusive pinceladas de poesía.

Pode ser verdade que neses títulos xa se empezara a concretar o que facemos agora. Síntome cómodo nese sen sentido, como logo se verá en Circo Rigatoni (Everest), que sen dúbida é o máis disparatado dos libros que escribín.

 

No 2007 chega con Minimaladas un dos premios máis importantes do país en canto a literatura infantil, o Merlín de Xerais. Qué supuxo no voso percorrido ese libro e ese recoñecemento?

C: Foi sen dúbida un momento moi bonito que marcou un antes e un despois na nosa traxectoria. A min fíxome moita ilusión. Minimaladas eran textos breviños acompañados dunhas ilustracións minimalistas. É un xénero que nos gusta moito. De feito logo saíu publicada unha segunda parte e non descartamos que en breve apareza unha terceira.

P: Gañar ese premio creo que serviu para demostrar que íamos en serio no mundo da literatura infantil, que non eramos só uns humoristas gráficos que de cando en vez facían un libro. Que Chinto gañara o Merlín a min persoalmente non me sorprendeu nadiña porque teño para min que é un dos mellores escritores, tanto en Galicia como a nivel estatal, en literatura infantil.

 

Pinto xa amosa aquí o seu estilo inconfundible, o que será a súa marca da casa.

P: Pode ser que co tempo o meu estilo vaia definíndose pouco a pouco. Pero tamén che digo que ese libro, se o ilustrase hoxe, sería doutra maneira. Non moi diferente pero si doutro xeito.

Neste caso o texto requiría un debuxo moi sinxelo, de poucas liñas se o comparamos con Circo Rigatoni ou Contos para nenos que dormen deseguida (Kalandraka). Son ilustracións que poden parecer doadas pero me levou moito traballo. Eran moitos os textos e eu tiña que me centrar, ir ao fundamental, adaptar a ilustración con poucos trazos ao texto.

C: Ademais Pinto tivo que se axustar ao tamaño da páxina en relación co texto. É un libro que respira moito. O texto esixe moito branco. En verdade fixo un traballo incrible en Minimaladas.

P: Si. Pero ao final foi unha experiencia moi bonita e eu persoalmente quedei moi satisfeito con ese libro.

 

Dende a época medieval a fascinación polos bestiarios son unha constante. No caso de Minimaladas o novidoso é que se elabora mirando a un publico moi determinado.

C: É unha mina practicamente inesgotable. O que fixen en Minimaladas foi coller animais que tiveran unha personalidade moi marcada, un rasgo característico, non físico senón de costume, para elaborar un microrrelato a partires diso.

 

Logo apareceu unha segunda parte. Tivo boa aceptación ou xa tiñades preparados novos animais?

C: Minimaladas foi un libro de moito percorrido, tanto Xerais coma nós quedamos moi contentos co resultado. Comentamos con (Manuel) Bragado a posibilidade de realizar unha segunda parte e Xerais acolleu o proxecto con entusiasmo.

P: E non descartamos que cando teñamos tempo apareza un terceiro volume.

C: Si. Mentres haxa animais creo que haberá Minimaladas.

 

Bombeiros, pantasmas, bruxas, o circo, animais, etc... Moitos dos arquetipos da literatura infantil dos últimos cincuenta anos conforman as vosas narracións.

C: Son os arquetipos do mundo infantil. Por exemplo, o noso último libro de contos abre co relato dun pirata. Persoalmente non me paro a pensar se un personaxe determinado está ou non sobreexplotado na literatura infantil. É certo que hai historias de piratas, de bruxas, de pantasmas... pero eu quero facer a miña achega, amosar a miña visión. En Contos para nenos que dormen deseguida hai personaxes máis modernos, pero revisito os clásicos para relatar as miñas historias. Máis adiante haberá tempo para abrir novos camiños.

 

Gañaches con A peripecia de Roi (Tambre) outro dos clásicos en literatura infantil e xuvenil.

C: Ese é un libro moi diferente do resto dos libros que escribín, neste caso falamos dunha novela curta. Con ese premio, e tras gañar o Merlín, sentinme un pouco máis referendado. Foi un momento no que dis: “Debo de estar facendo algo ben nisto da literatura para nenos”.

 

Ao pouco aparece en Galaxia Os oficios de Chuquelo, posiblemente o que máis definido estea para primeiros lectores. Repeticións, frases sinxelas, ...

P: Non sei. Tampouco nos formulamos se tal libro vai ser para primeiros lectores, iso é cousa dos editores.

C: Despois de escribilo moitas veces non sei para que idade é. Eu busco, cando escribo, que o adulto tamén goce do libro. Procuro facer unha literatura que tamén entendan os nenos, non que sexa exclusivamente para nenos.

P: Niso concordo con Chinto. Eu son comprador de literatura infantil porque gozo lendo eses libros.

 

Vendo a vosa bibliografía atopamos dos tipos de libros: o relato ou novela curta por unha banda, que estarían representados, por exemplo, por A peripecia de Roi ou Circo Rigatoni; e os textos breves onde enmarcaríamos Minimaladas ou Contos para nenos que dormen deseguida. A brevidade supón un exercicio de condensación e un traballo de deixar o imprescindible que tan bos resultados vos dan. En qué ámbito vos sentides máis cómodos?

C: Pola parte que me toca, que serían os textos, decántome polo relato breve. A peripecia de Roi ou Circo Rigatoni foron cousas excepcionais dentro da miña escrita. Eu síntome moi cómodo na brevidade, quizais un pouco por deformación profesional, do que falabamos sobre as tiras. Prefiro ir ao gran, deixar a historia espida. Non escribir nada que non conduza ao final da historia.

 

Moitos dos relatos que atopará o lector en Contos para nenos que dormen deseguida teñen un pouso dos contos clásicos: O lapis, O home do saco, O príncipe e a princesa, ... Sen embargo, aquí se fuxe das sentenzas. Cómo se fose unha reinvención do concepto tradicional de conto.

C: A min interesábame revisar os mitos para darlles unha visión persoal dos mesmos, como che comentaba anteriormente. En canto a sentenza, é verdade que non procuro dar unha visión moralizadora, pero entendo que tampouco ten por qué habela.

P: Nós buscamos libros que sexan fantasiosos, divertidos, que leven ao rapaz a imaxinar, a deixar voar os soños, pero sobre todo que entreteñan. Que se divirtan tanto cos textos como coas ilustracións.

 

Este libro gustará, tanto polos textos como polas imaxes, a nenos e pais. De qué falamos cando falamos de literatura infantil?

C: Seguramente é literatura infantil aínda que a lea un adulto, xa se di que todos levamos un neno dentro. Son textos e ilustracións dirixidas a nenos pero que poden ser capaces de asombrar a un adulto. E iso é unha verdadeira satisfacción para nós.

Escribimos e debuxamos para todos, non exclusivamente para nenos.

 

En Contos para nenos que dormen deseguida Pinto realiza as que persoalmente considero son as súas mellores ilustracións.

P: Aínda que soe a tópico, para min o último libro sempre é o mellor. Ou polo menos é a sensación que teño. Satisfíxome debuxar as ilustracións deste libro, paseino en grande facéndoas. Pero tamén aspiro a superarme no seguinte libro e elaborar un traballo mellor.

 

Este libro apareceu simultaneamente en galego, castelán e portugués, o que suporá un pulo moi importante cara o exterior e que vos coñezan Galicia adiante.

C: É un soño e unha sorte poder publicalo de vez en todas esas linguas, e ademais facémolo nunha editorial como Kalandraka, que se move tan ben polos diferentes mercados editoriais, co que espero nos permita achegar este libro por toda a península, amais de por América Latina.

P: Nese senso nós concordamos coa filosofía comercial de Kalandraka e o labor de mover os seus libros dende Pontevedra polo mundo adiante.

C: Si. Sabemos que Kalandraka vai impulsar moi ben Contos para nenos que dormen deseguida. Ese traballo editorial pola súa parte é importante para nós. Somos creadores, e é normal que nos interese e guste que o maior número de xente poida ver e ler o noso traballo.

 

Pinto, á hora de ilustrar, céntraste en interpretar as palabras de Chinto ou esqueces esas imaxes para elaborar un traballo máis propio?

P: A miña sorte de traballar con Chinto é que, cando se le un texto seu, venche á cabeza moitas imaxes. Son relatos curtos ou moi curtos, pero poderían facerse moitas ilustracións dos seus textos.

Eu busco a escena que máis me motive artisticamente, a que por estética poida quedar mellor con ese texto. Non ten por qué explicar de xeito explícito a historia. De todas as imaxes que me veñen á cabeza vexo a que máis me convence e fágoa.

 

Vendo algunhas das ilustración case que podemos imaxinar unha historia detrás, concorden ou non co texto de Chinto. Canto hai de narrador nas túas imaxes?

P: Eu polo menos considero que as miñas ilustracións son máis ambientais que narrativas. Busco sensacións, luces, escenas, ambientes, ... A ver, sempre ten algo de narrativo, por suposto, pero a miña intención é ambientar o texto. Un exemplo disto que che digo é a ilustración realizada para o relato O neno que imaxinaba que aparece en Contos para nenos que dormen deseguida; é unha imaxe na que non pasa nada: é un neno deitado nunha cama, durmido, hai unha ventá... pero a miña intención era relacionar esa imaxe co inverno do que fala a historia. Crear unha especie de escenario.

 

Existe para Chinto algunha característica especial na linguaxe literaria para facer máis atractiva a narración dos relatos? A utilización de frases moi concisas, sen rodeos, directas... son unha constante nos teus relatos.

C: A concisión é unha característica. O estilo é algo que depuras co tempo pero que esqueces por completo cando te sentas a escribir. Incluso en A peripecia de Roi, que é unha noveliña curta, onde pode haber máis pasaxes circunstanciais, aparece a brevidade. A verdade é que me gusta ser conciso é ir rápido ao miolo.

Ao final o importante é como queda a historia e se gusta ou non.

P: Iso tamén creo que se debe ao labor diario das tiras do xornal, onde tes que ir ao gran. Dispós de poucos elementos e hai que ser directo.

C: Véxoo como a un atleta. Hainos que son especialistas en correr cen metros e outros en marathon. Seguramente un velocista non gañaría unha carreira de dez mil metros.Na literatura pasa igual, eu síntome máis un corredor de distancias curtas que de longas.

 

Pinto, con tantos premios, recoñecementos e seleccións, tanto nacionais como internacionais, que ten no seu haber. Pode considerar que a cultura galega limita?

Non, a cultura galega non me limitou nunca. Son galego, nacín aquí, e teño no meu inconsciente as paisaxes, as fragas, as praias,e os pobos da terra. E nas miñas ilustracións sempre aparecerá o vento da miña cidade ou as cores verdes do Atlántico. O que si hai no eido da Cultura Galega son persoas limitadas e limitantes; e eu, nos máis de 15 anos de profesión, xa me teño atopado con algunhas delas: as que, dende a Consellería de Cultura, me ignoraron no 2007, cando fun seleccionado na Feira de Boloña; as que, cando se fai unha selección de artistas ou escritores galegos, fan primar criterios que nada teñen que ver cos culturais; as que fan ou consenten que haxa listas negras, etc…De todos os xeitos, estou convencidísimo de que o traballo e a profesionalidade se impoñen sempre fronte a sectarismos e limitacións.

 

Realiza a nivel individual colaboracións para diferentes revistas, tanto estatais como internacionais. Hai pouco tempo realizou as ilustracións para a versión coreana de O Principiño. Cómo foi iso?

Iso foi a raíz de ser seleccionado para Boloña, no que puiden amosar o meu traballo a editoriais estranxeiras. A partires da Feira, a coreana Araworld púxose en contacto comigo para desenvolver esas ilustracións das que falas para O Principiño. Foi unha experiencia moi curiosa e gratificante. Que o teu traballo sexa recoñecido no estranxeiro a min supúxome unha grande satisfacción e deume azos para seguir facendo cousas. Foi moi divertido ver as túas ilustracións nun texto en coreano de O Principiño.

 

Ciudades de papel (El Patito) é un dos poucos cadernos de viaxes publicados neste país e tivo o mérito de ser premiado en Clermont Ferrand. Para min é o seu estilo en estado puro en canto a ilustración de exteriores.

P: Ciudades de papel foi un libro que tiña moitas ganas de facer e tiven a sorte de que El Patito quíxomo publicar tal cal pensaba eu que debía de ser.

Unha cousa que me gusta moito, a parte de debuxar, é viaxar. Cando estou de viaxe sempre fago debuxos, tomo apuntamentos, etc. Facer Ciudades de papel foi un agasallo para min e non descarto facer máis. Son cousas diferentes ao que realizo normalmente na literatura infantil.

Eu estiven varios anos estudando na escola de arquitectura e unha das cousas do que gusto moitísimo debuxar son os edificios, pero dun xeito diferente ao que sería o debuxo fotográfico, indo cara a parte máis imaxinativa dos mesmos. Ocórreme igual á hora de captar a luz das cidades.

Ciudades de papel foi seleccionado para a Bienal de Clermont-Ferrand. É unha cita única no mundo, especializada no caderno de viaxe, un xénero que aquí está arrincando pero que aínda non calou. En Francia é diferente, é raro atopar un debuxante que nunca desenvolvera un caderno de viaxe. Miguelanxo Prado ten feito un par deles pero non é doado atopar nada editado. Persoalmente é un xénero que me gusta moito e de feito sairá un cara finais de ano en Kalandraka sobre a cidade de Compostela.

Desde que publiquei ese libro non fixo máis que darme alegrías, a segunda vez que fun seleccionado para Boloña foi por ilustracións de Ciudades de papel; a Fundación Torrente Ballester acolleu unha exposición que funcionou moi ben.

 

Outro dos xéneros nos que se move moi ben é no eido da caricatura.

Eu empecei como caricaturista. Anteriormente conversabamos, tanto nas tiras como nos textos, da concreción e de espir o relato do innecesario. Na caricatura pasaría un pouco o mesmo: buscar os trazos diferenciadores dunha persoa e esbozalos coas mínimas liñas posíbeis. Ir ao esencial da persoa.

Considero a caricatura un punto de partida moi interesante para acometer outros tipos de traballo.

 

A Coruña, Agosto 2010

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Conversas >

Axenda >

Agosto 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom

Nestes días >

Non hai eventos nos vindeiros días