Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Luís Alonso Girgado

Rate this item
(20 votes)

 luis_alonso_girgado

 

Se escarvamos levemente na seriedade e o respecto que infunde o rostro do profesor Luís Alonso Girgado atopamos unha persoa afable, amigable e atenta co seu interlocutor. Alonso Girgado é unha persoa silenciosa, tanto nos xestos como no traballo. Paseniño pero sen fenecer, e velaí os resultados.

 

Tras moitos anos dedicado a docencia Alonso Girgado desenvolve hoxe en día un impagable labor en prol da cultura galega dende o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde el e a súa equipa traballan na recuperación de revistas, tanto de Galicia como do galeguismo no exterior. Deste xeito hoxe podemos ter acceso a revistas como Yunque, Galiza, Cristal... Memoria viva.

 

Editor, responsable do catálogo poético de Follas Novas, investigador... Nesta longa conversa teremos tempo de falar con Luís Alonso Girgado sobre os últimos corenta anos da cultura galega.

 

 


 

 

Luís Alonso Girgado nace no Ferrol do ano 46, un ano despois da fundación de Bazán. Como recorda vostede ese Ferrol da infancia?

Eu pasei parte da miña infancia en Ferrol, e digo parte porque meus pais vivían en Madrid e estivemos entre un lugar e outro. Pero efectivamente, a infancia e a primeira adolescencia transcorreron en Ferrol e recordo moi ben aquilo. Era un Ferrol cunha presenza militar moi forte. Un Ferrol que progresaba, onde podías atopar moitas cafeterías, cines, cun teatro Jofre que empezaba a recuperar pulo e unha Semana Santa de moita sona fora de Galicia. Un Ferrol que no eido do ensino tiña un gran instituto. En resumo, Ferrol era unha cidade militar, que progresaba, unha cidade que medraba en número de habitantes e onde a meirande parte da poboación traballaba ben en Bazán ben en Astano. Lembro moi ben, xa de adolescente, as botaduras de Astano. Os petroleiros, as naves enormes e tamén a construción de barcos de guerra. Esa era a paisaxe que eu lembro do Ferrol daqueles anos.

 

Por onde lle gustaba moverse?

Gustábame camiñar pola Malata, andar polo peirao, paseando polas rúas… O tempo de lecer naquel Ferrol centrábase especialmente en ir aos cafés ou ao cine, que había moitos e bos. Eu lembro ver, con admiración, moitísimo cine, nas famosas sesións continuas de catro a nove.

 

Lembra cales foron as súas primeiras lecturas?

Antes de que chegaran os libros as primeiras lecturas foron os chistes e os cómics. Velaí estaban o T.B.O., o Guerrero del Antifaz, El Cachorro, o Capitán Trueno... Un dos grandes personaxes daquel tempo era Carpanta, que reflectía moi ben a sociedade do momento. Máis tarde viñeron Hazañas Bélicas e eu tiña a sorte de que a miña madriña comprábame cómic americano, como Superman ou Batman, que estaban editados en México.

Tamén lembro escoitar canda rapaz moita radio e aínda recordo algúns programas, como Hoy en Galicia, por Álvaro Cunqueiro en RNE La Coruña onde a locutora, unha rapaza de voz fermosa, lía un texto de Cunqueiro. Desa mesma emisora escoitaba asiduamente o programa Dos hombres buenos, que botaban ás 15.00 h. Gustábame tamén escoitar, en Radio Ferrol, o programa Ferrol de noche, onde se facía unha crónica da cidade pero o que máis me chamaba a atención era a música da sintonía, de Cole Porter. 

 

En Ferrol foi alumno do pintor Xosé Leyra Domínguez.

Xosé Leyra Domínguez foi profesor meu do bacharelato. Pintor e vello galeguista, era amigo de Díaz Pardo e gran admirador de Otero Pedrayo. Dirixiu a Asociación de Pintores e Artistas Plásticos de Ferrol e cóntase del unha anécdota que sucedeu nunha exposición en Ferrol nos anos 50 que fixo o Díaz Pardo. Era unha exposición de espidos e seica chegou unha autoridade que ao ver toda esa “desvergonza” alporizouse moito e quixo obrigar a Leyra Domínguez descolgar os cadros, ao que este se negou. Ao día seguinte os cadros seguían colgados, pero virados de cara. Leyra saírase coa súa.

Logo, como tantos outros galeguistas, sobreviviu entre atrancos e problemas. El era avogado. Fixera oposicións de alfándegas. Sabía moito de xeografía, tanto española como universal e el, nesa faceta súa de xeógrafo, era admirador de Otero Pedrayo. E ao igual que Otero, era bo orador. Moito mellor que como avogado. Pasoulle na avogacía como a Castelao coa medicina, que nada de nada.

Leyra Domínguez colaborou en Aturuxo e Tapal (de Noia), colaborou en varias publicacións daqueles anos e eu lémbroo con moito agarimo porque era unha persoa dunha grande humanidade.

Como pintor Leyra Domínguez reflectiu moi ben a paisaxe galega. Devoto de Imeldo Corral e de Felipe Bello Piñeiro, falaba moitas veces del. En Ferrol houbo unha escola de pintura moi boa, e Leyra Domínguez tratou a pintores da época, que os houbo, moitos e moi bos.

 

Comparte vostede orixe con dous intelectuais da talla de Gonzalo Torrente Ballester e de Ricardo Carvalho Calero, deste último será máis adiante alumno en Compostela.

Con Torrente coincidín dando clases na Universidade de Santiago no ano 69. Eu como aprendiz, claro. Unha vez rematada a carreira un compañeiro meu, nx0woé Mª Folgar, chamoume para impartir un curso de verán e Torrente tamén estaba alí. Un día presenteime. Díxenlle quen era e el coñecía a un parente meu que lle dera clase en Ferrol no centro de ensinanza. Falamos ao longo dun mes practicamente todos os días, tomando café no Gaiola, e a verdade é que pasei uns días magníficos. Eu o que quería era que me contara. E el encantado de facelo. Contoume moitísimas cousas e gardo un recordo moi grato. Sei que en Ferrol pasouno mal e que incluso chegaron a apedrealo nunha ocasión que foi dar unha conferencia ao Casino.

Con Don Ricardo coincidín eu como alumno e el como profesor en Santiago de Compostela. Dábame primeiro provenzal e logo literatura galega. Don Ricardo era unha persoa moi seria con quen dende logo eu nunca conectei. Sen dúbida era un erudito moi meritorio. A súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, en canto a rigorosidade e información, era moi válida. De feito continúa a ser referencia obrigada. Pero eu botei en falla que nos mandara ler ou simplemente que nos aconsellara algún libro de literatura galega. Pola contra nos examinaba a través da memorización das gramáticas do galego, dos estudos léxicos … E a min iso me parece -educativamente- unha cousa pouco menos que aberrante como instrumento didáctico. E conste que eu valoro moi alto a memoria.

 

É certo o que se di de que Carvalho Calero era o único profesor da Universidade que impartía aulas en galego?

Pois si. Non fago memoria de ninguén máis que as dera en galego. Tampouco estaba o forno para moitos bolos. Estamos a falar do curso 63-68 e no último ano a nós case non nos deron clase. Tivemos os primeiros días do 67 e logo ata xuño do ano seguinte a Universidade estivo practicamente pechada por mor das revoltas estudantís, o que foi o noso equivalente ao maio do 68 francés.

 

Como lembra vostede ese momento?

Eu teño que dicir que non andaba metido politicamente en nada. Estaba no meu último ano e o que de verdade me interesaba era rematar a carreira e deixar aquilo.

Dese curso lembro as manifestacións, os feridos; empezaron os problemas graves para algúns profesores… Pecharon a Universidade e eu quedei en Santiago. Estudei o que puiden por min mesmo o logo nos examinaron en xuño.

O que si recordo é a presenza de Aranguren*, cantautores como Raimon, a fervenza que había de tipo político… Pero xa digo, non podo opinar moito porque non participei diso. Si que tiven amigos metidos en política e en movementos sindicais. Outros que estaban en organizacións católicas ou no PC e no PSOE… Foi un ano moi quente politicamente.

* nx0woé Luís López Aranguren (Ávila, 1909-Madrid, 1966). Ensaísta e filósofo. Foi profesor de Ética na Univerdidade Complutense de Madrid. Máis información na Wikipedia

 

Tamén cadrou na Universidade cun, a día de hoxe, inxustamente pouco recoñecido Benito Varela Jácome.

Don Benito deume clase de Literatura Hispanoamericana en cuarto de carreira e a min abriume a perspectiva do que era a novela hispanoamericana.

O mellor que podo dicir del é que era un home profundamente informado. Tiña unhas lecturas que dificilmente eran accesibles aquí. Daquela había en Santiago, na rúa do Vilar, un libreiro de portal chamado Eduardo, alcumado o Xudío. Na súa trastenda -e non sei como facía para burlar o control da policía- vendíanse algunhas das novelas que nos comentaba e recomendaba don Benito. Circulaban por esa trastenda novelas que se publicaban en México e Arxentina fundamentalmente e libros sobre a Guerra Civil de historiadores franceses ou ingleses, pero tamén estaban León Felipe, Sartre, Camus, Simone de Beauvoir...

 

O seu interese pola literatura hispanoamericana nace precisamente dese contacto con Varela Jácome?

En boa parte si. Eu estoulle moi agradecido pola súa boa información, o que me permitiu ler novelas non recollidas en ningunha outra parte. A partir del eu xa fun pola miña conta buscar máis información, estudar, ler… E a día de hoxe podo gabarme de ter unha boa biblioteca nese terreo.

 

O ano pasado morreu Varela Jácome e a nova do seu pasamento pasou practicamente desapercibida.

El levaba fora de circulación moitos anos e a memoria soe fraquear. Don Benito tivo, ao longo da súa vida, moitos problemas. Algúns na casa, outros no traballo e outros pola súa forma de ser. Don Benito seguramente non estivo onde tiña que estar no seu momento. Estivo case sempre descadrado e atravesou unha época moi mala. Houbo xente na Facultade que o utilizaron, tanto a el como a don Hilario Sáinz, como segundóns, para dar clases que eles non querían dar. Don Benito foi unha persoa que traballou arreo, facendo seguramente traballos que non debía. Logo fixo oposicións e marchou a Madrid, pero volveu axiña aquí. E cando regresou non encaixou. Aquí entrara un grupo de xente nova ocupando a Universidade e aínda que el fora moitos anos catedrático non chegou a encaixar. E ese foi o problema de don Benito.

Don Benito foi un home moi ben informado pero pouco rigoroso á hora de explicar, de valorar criticamente… Eu quíxeno e respecteino sempre moito e agradecereille sempre que me informara. Daquela el era o único en Santiago que podía facelo.

 

Outro ilustre co que coincidiu na Universidade foi o profesor Constantino García.

Nos anos que eu estiven na universidade don Constantino foi a persoa máis innovadora que alí chegou. Fixo moitísimo polo galego na Universidade e fora dela formou a unha cantidade inxente de profesores. Creo que moitos deles débenlle o que son.

Para min el foi un sopro de modernidade. Era un home moi traballador e valoraba moito o que facían os seus alumnos.

Don Constantino máis adiante fundou o ILGA, foi quen dinamizou á Academia, dirixiu o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades*… En fin, estivo en moitas cousas. Moitos catedráticos de galego foron alumnos seus.

 

* De aquí en adiante CIRP.

 

Tras licenciarse en Filoloxía Románica pasa vostede a exercer a docencia. Onde vai desempeñar o seu maxisterio?

Nas décadas dos 60 e 70 creáronse moitos institutos. E polo tanto tamén se reclamaba profesorado. A min, unha vez rematada a carreira, chamáronme por teléfono dende Tui e estiven alí de profesor durante tres anos. Logo saquei a oposición e marchei a La Bañeza, en León.

En 1977 houbo novas oposicións onde coincidín con xente como Paco Rodríguez ou Manuel Vilanova. Saquei a Cátedra e marchei para Lugo. Podo dicir que tanto en La Bañeza como en Lugo foron os mellores anos docentes da miña vida.

En Lugo fun o primeiro director e o primeiro catedrático do Xoán Montes, e estiven nese instituto por sete cursos. Alí tamén din clases no Colexio Universitario, ao que entrei a través dunha solicitude a instancia do profesor Rodeja*. Foi unha época moi boa para o ensino, onde tiven bos compañeiros e bos alumnos, como Claudio Rodríguez Fer.

* Refírese a Eduardo García Rodeja (1922-2005), Catedrático en Matemáticas, entra na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1965. Autor dun gran número de publicacións, grazas a el a Facultade de Matemáticas da USC conta cun dos mellores fondos bibliográficos no eido matemático de todo o Estado. Máis información AQUÍ

 

E en Lugo tivo como compañeiro ao actual alcalde da cidade.

Si. Pepe López Orozco era o secretario do instituto. Había boa xente alí. Tamén estaba unha filla de Carvalho Calero, Magalí. Repito que foi un tempo onde estiven moi ben.

Tamén en Lugo sorprendeume a morte de Franco e os primeiros envites da progresía e da democracia. Había manifestacións, charlas, moito movemento…

 

No propio “Xoán Montes”?

Si, claro. Dentro do Instituto e polas rúas. Eu daquela escoitei nos mitins a Carrillo, a Felipe, a Tierno Galván… Eu empecei no PSP de Don Enrique, ata que foi a desfeita das primeiras eleccións. Logo desapareceu e eu deixei aquilo.

 

Despois de Lugo e cando se incorpora ao CIRP.

Non, cheguei a Santiago para incorporarme ao Instituto Eduardo Pondal. Foi no ano 94 cando me chamaron para entrar no Ramón Piñeiro. Fun dos primeiros en entrar naquel centro tan contestado e ata descualificado por certos sectores galeguistas.

 

Con que vontade nace o CIRP?

O Ramón Piñeiro nace como centro dependente da Xunta de Galicia, máis en concreto de Política Lingüística, para a investigación lingüística e literaria. Simultaneábanse por igual as dúas actividades. Máis adiante tratáronse outras cousas e desenvolvéronse proxectos de cine e filosofía, antropoloxía… Pero o que aínda hoxe persiste son os estudos de lingua e de literatura.

 

Un dos meirandes traballos que se levan feito culturalmente en Galicia nos últimos anos é precisamente a recuperación, por parte do CIRP, de cabeceiras históricas de prensa e de revistas galegas, tanto do propio país como do galeguismo no exterior.

Mira, cando un entra nun Centro coma este o primeiro que pensas é que podes facer, que es capaz ti de aportar. Entón non me foi difícil pensar nas revistas de literatura -máis ben literario-culturais- que se editaban en Galicia. Iso por unha banda, e por outra estaba a prensa emigrante, con revistas e xornais.

De Galicia pódese ver que, ao longo destes anos, sacamos revistas como Aturuxo, Gelmirez, Tapal, Alba, Posío, publicamos de Cunqueiro Galiza (de Mondoñedo), Resol (que facían Fole, Seoane e Arturo Cuadrado), Cristal (de Xosé Mª Álvarez Blázquez e Xoán Vidal Martínez), entre outras moitas. Eu estou discretamente satisfeito do labor que realizamos.

 

Cando comezaron con este proxecto?

Enseguida de empezar o CIRP. De feito o primeiro libro que sacou o CIRP foi o facsímile de Aturuxo, a interesante revista poética que fundaron e dirixiron, en Ferrol, Miguel C. Vidal, Tomás Barros e Mario Couceiro.

 

Ten especial querenza por algunha das cabeceiras recuperadas?

Posiblemente por Yunque, que puidemos sacar completa. Yunque era a revista de Ánxel Fole. Faltábanos tres números que conseguimos a través de Claudio Rodríguez Fer. Tamén nos faltaban dous números da revista Galiza, de Cunqueiro, que puidemos recabar e polo tanto sacar completa grazas a Armando Requeixo. E, por descontado, por Aturuxo, a primeira que fixemos.

 

Foi complicado reunir todo ese material?

Non, a verdade é que non. Eu fixen viaxes a Cuba, a Arxentina ou a Montevideo. Asináramos acordos con entidades americanas para investigar. Por exemplo en Cuba tiñamos un convenio co Instituto de Literatura e Lingüística de La Habana, que dirixe aínda hoxe Nuria Gregori Torada, de orixe catalán. De Cuba sacamos A gaita gallega, de Lugrís Freire e Ramón Armada Teixeiro. Unha excelente revista, toda ela en galego, única nese aspecto.

Sacamos as tamén cubanas Galicia moderna, de finais do XIX e fundada polos irmáns Novo; e Galicia, editada a comezos do século XX por Vicente López Veiga e onde aparecerán artigos de Curros Enríquez. Nesta segunda revista podemos atopar moita información de Curros e da creación, en 1905, da Academia Galega.

Sacamos cousas interesantes da Galicia emigrante, aínda que dalgunhas só unha parte. Por exemplo de Galicia tiramos catro anos. Pero de deixar de facer podo asegurar que moi pouco queda que non publicásemos.

 

Vendo a cantidade de cabeceiras podemos aseverar que houbo un trasfego sentimental realmente importante entre Galicia e a súa xente da emigración.

Velaí quedan cartas, prensa, casas rexionais, etc. Si que houbo unha relación moi fluída entre Galicia e a emigración, especialmente coa cubana. O Centro Galego de La Habana era o ámbito de máis poder e de máis cartos da illa. Cando Estrada Palma entra na presidencia no ano 1902 a primeira visita que vai facer, acompañado dos seus ministros, é precisamente ao Centro Galego. Podemos afirmar que o Centro tiña máis orzamento que toda a cidade de La Habana.

 

Dáse por rematado o proxecto ou aínda queda algunha cousa por recobrar?

Eu creo que o máis importante -en canto a revistas- está practicamente feito todo. Logo quedan algunhas cousas como a revista Céltiga de Buenos Aires, que durou case trece anos. E tamén me gustaría continuar coa revista Galicia, de Cuba.

 

Participa nalgún proxecto máis no CIRP?

Agora estamos facendo epistolarios. Moitas cartas “de” ou “a” Ramón Piñeiro, que están aparecendo na colección de cadernos Ramón Piñeiro. Eu teño agora como proxecto as cartas de Ánxel Fole a Piñeiro, que está dando moito choio porque hai que ver que letra que tiña Don Ánxel! Publicamos xa as cartas que lle enviou Filguera Valverde a Piñeiro e as de nx0woé Luís Pensado tamén a Piñeiro, ou de Novoneyra, de Díaz Castro ou de Fernández de la Vega.

Para conmemorar o ano que ven estamos na procura de cartas de Valentín Paz Andrade. Pero polo de agora andamos co de Fole.

 

Vostede dirixe as coleccións que ten a editorial Follas Novas, unha editora vinculada á libraría do mesmo nome situada no ensanche compostelán. Unha libraría da quen se cumpren neste 2011 os seus primeiros 40 anos de vida e da quen Ramón Piñeiro consideraba a “segunda catedral” da cidade.

Dirixo as coleccións e axudo á libraría nas cousas que publica. Por exemplo agora sacamos un almanaque moi bonito, Santiago en trece estampas, dunha pintora moi interesante, Soledad Pite, catedrática do IES Rosalía de Castro.

Xa baixo o selo de Follas Novas Carvalho Calero dirixía, nos anos 70, a colección Clásicos do estudante galego, onde fixo unha edición de Manuel Antonio e un volume titulado “Teatro Nós” con pezas de Risco, Otero e Castelao, un libro precioso. O propio Carvalho Calero publicou o seu libro de relatos Xente da barreira.

Eu vivía preto da libraría e estaba decote aí metido. Nunha ocasión aducín, por cuestións de prestixio, que a libraría publicase as súas propias coleccións de libros, tal e como ocorre con librarías importantes noutras cidades como Madrid, Zaragoza ou Santander. E aí é cando principiamos a editar, para colaborar coa difusión da poesía galega, a colección Libros da Frouma. E logo viría en castelán Los libros del caracol.

As coleccións están aí e creo que hai cousas interesantes. Pero o obxectivo da libraría non é recuperar nada, non se trata dun negocio senón dunha aposta, dun acto de fe cultural. Así hoxe en día somos, tendo en conta a diacronía, a segunda colección poética máis ampla de Galicia, despois de Espiral Maior.

Isto é do que se trata, de publicar na colección Libros da Frouma poetas novos con outras voces que xa teñan unha certa traxectoria. Servir de canle para a xente máis nova publicando cousas de calidade. E teño que lle agradecer á libraría que sempre confiara en min á hora de publicar sen recibir indicacións nin compromisos.

Eu estou moi contento con esa colección, que xa sobrepasa os sesenta títulos e para o ano que ven chegaremos sen dúbida aos setenta.

 

De cantas coleccións baixo o selo editorial de Follas Novas estamos a falar?

Están as dúas citadas anteriormente de Libros da Frouma e Libros del Caracol. Está a colección de teatro Follas de teatro e temos tamén unha colección filolóxica, chamada Fonseca, onde sacaremos un novo libro de Cunqueiro: Prólogos, epílogos, y otros escritos dispersos. Nesa mesma colección publícanse normalmente as guías de lectura. Aí publiquei eu unha guía sobre García Márquez e sobre Borges e nx0woé Sánchez Reboredo sacou as guías de lectura de Eduardo Mendoza e Antonio Múñoz Molina.

 

Un catálogo impresionante enchido de nomes non menos importantes. Velaí atopamos en Libros da Frouma poetas como Úrsula Heinze, Manuel Vilanova, Ricardo Martínez-Conde, Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Xoán C. Domínguez Alberte, Víctor Campío Pereira... Hai moito traballo detrás para conseguir que eses nomes e outros igual de interesantes estean nesa colección?

Non, non é nada complicado. É o que che comentaba antes, están eses nomes e algúns novos. Modesto Fraga publicou aquí un par de cousas moi fermosas; tamén está Baldo Ramos, que ten hoxe en día unha presenza clara na poética galega; e outros nomes como Dulce Mª López Rivera, unha poeta de Fene.

 

Tamén traballan na recuperación de textos, como o recente Elegías y canciones de Cunqueiro, que se reedita por vez primeira dende o ano 40, ou velaí os nomes de Aurora Vidal Martínez ou de Francisco Domínguez Romero.

De Elegías y canciones houbo hai anos unha reedición na biblioteca de Castro, unha gran biblioteca que publica os textos nus. Aí, no apartado de poesía, están as Elegías y canciones.

O que pasa é que ese libro ten unhas raíces galegas, que son as que eu quixen por en evidencia, e é que nese libro son nove ou dez os poemas que Cunqueiro pasou ao castelán, citando as fontes galegas.

O libro de Francisco Domínguez Romero chegoume grazas ao seu fillo. É un libro que sen ser espectacular está realmente ben, cun ton intimista, denso… A min gustoume moito.

Aurora Vidal era unha mestra, irmá de Xoán Vidal Martínez (fundador da revista Cristal), que escribe moi ben. Estivo en Canarias onde escribiu varios libros. Foi moi amiga de Cunqueiro, de Filgueira Valverde, de Faustino Rei Romero... Unha poeta dotada dunha gran sensibilidade.

 

Estivemos ata o de agora falando do seu traballo ao fronte de Follas Novas, pero a súa relación co mundo editorial empezou anos atrás, quizabes coa colección Ágora, da editorial Galaxia?

Antes diso fixen algunhas cousas para unha editorial xa desaparecida, Alhambra. Logo en Galaxia co-dirixín con Xesús Rábade Paredes a colección Ágora. Aquilo durou unha ducia de títulos e máis adiante publiquei a escolma do conto galego, que tivo un grande éxito.

 

Labor de seu son as edicións de autores como Castelao, Roberto Blanco Torres, Rosalía, Álvarez Limeses, etc. Parece que lle mandaban todos.

Non foi, nin cualitativa nin cuantitativamente, nada extraordinario. Para a Xunta fixemos unha colección de fotobiografías. Eu fixen as de Castelao, de Rosalía e de Valle-Inclán. Logo a edición do libro Entre dous séculos de Álvarez Limeses e unha edición das fábulas de Amador Montenegro. Si, foron varios os autores.

 

Pero creo que ten vostede predilección por dous escritores en particular: Ánxel Fole e Luís Amado Carballo.

A instancias de Claudio Rodríguez Fer publiquei a edición crítica da poesía de Luís Amado Carballo que logo fixo en pequeno formato Xerais. Para Galaxia foi a edición dos contos de Fole contidos en Á lus do candil, onde fixen un prólogo longo e que en principio estaba previsto que aparecera na colección Ágora, pero pechárona antes.

Amado Carballo e Fole son os dous escritores sobre os que máis a gusto sentinme traballando. Autores moi diferentes entre si pero teñen en común unha literatura moi ancorada na terra. Gústanme moito.

 

Entre todas as edicións sobre as que vostede traballou ou dirixiu destaca a Antoloxía do conto galego. Século XX (Galaxia), un dos libros máis vendidos na historia do libro galego.

O éxito dese libro debeuse (e se debe) a dúas vías de apoio que coido son fundamentais. Por unha banda está o poder do catálogo de Galaxia. Os autores clásicos galegos máis importantes están aí. E logo tamén ese libro estivo dende sempre sostido polo profesorado, que o aceptou moi ben. Son contos curtos que se len con agrado. Ten actualmente dezasete edicións e agora debe andar polos 50.000 exemplares vendidos.

Ese libro a min chegoume de rebote. A editorial Ir Indo encargáralle a Helena Villar Janeiro un traballo parecido, pero como o de Ir Indo, o Bieito Ledo, traballaba daquela en Galaxia pois logo o proxecto marchou para aí. Helena faloulles de min e propuxéronme o traballo.

Noutras edicións déronme a oportunidade de corrixir algunhas cousas e de meter algún autor a maiores. Puiden tamén sacar algún texto que me vin obrigado a meter de certo autor que a min me interesaba como novelista pero non no conto. Ao final cambiei un par deles e metín tres ou catro máis. Creo que o libro mellorou.

 

Cal é a relación que ten o galego co conto, co relato curto?

Hai unha tradición de vello. Nós no CIRP estamos recuperando moitas páxinas de narración breve nun proxecto que leva Modesto Hermida chamado Narrativa recuperada. Hai moito relato curto, narración breve que estaba en xornais, revistas… xa no século XIX.

No prólogo do libro fago referencia a esas dúas correntes: á do conto literario e á do conto popular. Hai unha fonda tradición desas correntes que desembocan no escritor. Iso ocorre aquí como ocorre noutros países, como en Arxentina ou en Perú, onde o primeiro libro de escritores famosos é un libro de contos. Velaí están os nomes de Ferrín, de Carlos Casares, etc.

 

Fora doada a selección?

Home, está claro que é máis difícil peneirar cando hai moito que cando hai pouco. Pero a min o único que me preocupaba no momento da selección era facer unha cousa variada no asunto, que fora breve e cun nivel de calidade aceptable, que no caso de Cunqueiro e de Casares estaba máis que solucionado. Tiven problemas no senso de que quixen meter algún autor que por dereitos editoriais non conseguín introducir. Pero en edicións posteriores si que entraron algunhas cousas que de primeiras non.

 

Logo houbo unha segunda parte, por chamalo dalgún xeito, coa edición de O relato breve. Escolma dunha década (1980-1990).

Si, pero iso foi xa unha cousa onde creo que se equivocou a editorial. Aínda que seguramente tamén me equivoquei eu aceptándoo. Editorialmente non funcionou. Tratábase da escolma dunha década e nese caso si que me vin moito máis limitado que co volume anterior.

 

 

 

Deixamos a edición para centrarnos na creación. Soliloquio para un retorno pasa por ser o seu primeiro poemario, un traballo onde reflicte, dun xeito multidimensionado, diferentes cuestións. O lector atopará un abano que vai dende a literatura, Galicia, o feito de envellecer...

Ese libro foi unha especie de exabrupto e desafogo. Naceu con vontade de ser un único poema, cun intermedio, pero é un poema fragmentado que discorre nunha viaxe en coche onde vas falando contigo mesmo e pasas revista a unha serie de cousas. Algunhas delas moi intimistas e outras máis xerais.

Creo que é un libro que se deixar ler ben, bastante seguido, que non cansa moito. Ou polo menos esa é a opinión que me fixo chegar algunha xente. Pero ben, eu sabía que non ía facer carreira no terreo da poesía. Soliloquio para un retorno nace dun determinado momento, pero logo non volvín máis a ese tipo de cousas.

 

O libro xa dende a dedicatoria é unha homenaxe a Ferrol, ese “pueblo con pretensiones de ciudad”. Vemos en Soliloquio para un retorno unha dualidade amor-crítica cara a súa patria de nacemento.

Sempre me doeu Ferrol. Ferrol é unha cidade onde confluían o obreiro e o militar. Tamén é unha cidade onde todo o que non pase por certos rexistros sociais, propios da pequena burguesía, moi convencional, resulta incómodo, incluso exótico. Quixen manifestar o meu malestar.

 

Formalmente o poemario lévanos a esa poesía inglesa de finais do século XIX, onde a prosa abraza o verso aínda que o aroma deste embriague o lector.

Está a medio camiño entre a prosa e a liña poética. O que intentei facer foi utilizar unha linguaxe que respondera a esa intención crítica e culta. Pero á vez que se puidera ler doadamente. Fiquei lonxe de facer xogos metafóricos, pero á vez utilizar unhas certas claves estéticas, vitais e intelectuais.

Te fuiste / por amor / por desengaño, / por verte con las manos vacías / porque te pasó el tiempo / y ya no era aquello, no era / aquello, ya no iba contigo.” Por mor de que acontecementos abandonou o exercicio do ensino?

Cando eu chego a Santiago viña xa desgustado con algunhas cousas do ensino. Eu non me vía reflectido no camiño que tomaban as cousas. Estaba insatisfeito. Eu son profesor de vocación pero a min me gustan as cousas dunha determinada forma. Son unha persoa seria e son dos que creen que a un alumno hai que lle esixir todo o que pode dar. Estudar non é unha cousa doada senón que esixe sacrificio e esforzo. Estudar é un traballo, pero logo na vida agradeces o esforzo realizado. E eu, para estar nun lugar onde se valora por igual ao rapaz que se esforza e ao que non, iso a min non me interesa. Cadrou con que me chamaron do CIRP e marchei. Non foi unha saída fácil para min porque, como che dicía antes, son profesor vocacional e toda a miña vida estivo adicada ao instituto, ás clases, aos alumnos. Tiven moitos e con frecuencia moi bos. Fun, niso, afortunado.

 

De seguro que ten agochado na mesa de traballo máis cousas…

Non non. Saíu Soliloquio... e non hai nada mais.

 

Outra faceta súa é a do crítico literario, labor que desenvolve dende hai anos, especialmente a crítica adicada á literatura hispanoamericana.

Eu empecei a facer crítica en El Correo Gallego, no Correo Cultural, un suplemento que creamos Manolo Quintáns, Pepe Sánchez Reboredo, Joaquín Lens, Guillermo Domínguez máis eu, e ao que logo se incorporou Xesús Rábade Paredes. Estouche falando de finais dos 80. Foi un suplemento que durou preto dos vinte anos.

Pois empecei aí e, casualidades da vida, un día fixen unha crítica dun poeta que resultou ser director do suplemento cultural do Diario de Córdoba. E alí estiven colaborando uns quince anos. Foi unha etapa realmente boa.

Participei igualmente nun xornal malacitano, chamado Azul; estiven en El Progreso de Lugo por un tempo; algo fixen tamén en La Voz de Galicia, aínda que aí pedían exclusividade; en Ínsula, de Madrid... E nalgunhas máis, como na revista Anthropos, de Barcelona.

E en crítica centreime basicamente na literatura hispanoamericana. E agora é unha alegría entrar na web de autores como Isabel Allende e ver que está a túa crítica aí.

 

 

Volvendo a casa, recibiu o Premio ‘Manuel Lorenzo Barja’ do ferrolán Toxos e Froles pola súa defensa da cultura galega.

Eu a Ferrol estoulle moi agradecido porque as dúas distincións que teño proceden de alí. Primeiro do periódico* (no que colaboro semanalmente) e que dende esta asociación me distingan naturalmente para min é un orgullo e unha satisfacción. Creo que o traballo desenvolvido por min dende o CIRP tivo certa culpa en ambas as dúas distincións, polas que estou moi agradecido. Son “profeta” no meu Ferrol, non está nada mal!

 

* Refírese ao Diario de Ferrol [Nota do transcritor]

 

 

Santiago de Compostela, Novembro do 2011

 

 

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Conversas >

Axenda >

Novembro 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom