Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Urco e Contos Estraños

Rate this item
(5 votes)

 urco

(De esqueda a dereita Fernando M. Cimadevila, Andrea Jamardo, Tomás G. Ahola e David Cortizo)

 

A imaxinería do pobo galego tendeu, dende tempos inmemoriais, a abrirse ao descoñecido, a intentar explicar, dun xeito razoábel, aquilo ao que lle era moi difícil atopar resposta. Deste xeito das fragas, das covas, das augas, das mestas néboas xurdiron multitude de trasnos, meigas, santas compañas e demais elementos mitolóxicos que foron formando pouso na sensibilidade da xente do país. E ese sedimento do mitolóxico, do fantástico, do indescifrable e enigmático transmutou en lendas e en historias, en literatura popular, en resumo. Un acervo cultural oral como paso previo a deixar por escrito esas historias pasadas polo filtro das plumas de grandes clásicos de noso, como Risco, Dieste ou Ánxel Fole, que foron vangarda de autores máis recentes como Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Ramón Caride ou Manuel Lourenzo, entre un longo etcétera.

Estamos a falar dunha literatura que está no adn do lector galego, capaz de se identificar doadamente con imaxes, seres e lugares que, aínda que pasen os anos, son perfectamente recoñecibles. Polo tanto, cando hai xa case dez anos xurdira entre nós Urco Editora o seu éxito ao longo deste tempo non debeu de sorprender a ninguén. Urco empezou envorcando cara o galego a algúns dos grandes mestres do terror, do fantástico e da ciencia ficción, no seu catálogo fixéronse rapidamente un oco autores como Lovecraft, Robert E. Howard, Jack London ou Edwin A. Abbott, entre un longo etcétera. Pero se as lectoras e lectores deberíamos de estar agradecidos a Urco por traer a todos eses mestres do xénero á nosa lingua, o grande mérito de Urco e do seu selo irmán Contos Estraños é o de facer xermolar nas nosas letras esa Xeración Estraña, autoras e autores que xurdiron ao redor da revista Contos Estraños e da colección Alcaián de Urco que están a conseguir que a fantasía e o terror en Galicia viva nunha idade de ouro, estamos, seguramente, nun dos mellores momentos da súa historia, e o que falta por vir... 

 

 

Como nace unha editora especializada en literatura fantástica e de terror?

Tomás G. Ahola (T.G.A): Urco fundámola dous filólogos e outra persoa máis de económicas, dos cales só eu sobrevivo na editorial. Por unha banda víamos que había unha eiva grandísima, dentro da literatura galega, de libro fantástico, onde as editoriais do país non apostaban por este xénero. E por outra banda unha persoa moi próxima a min como é Moisés Barcia acababa de montar Rinoceronte Editora. Eu traballaba para el como tradutor e vin de preto como naceu, como se desenvolveu e non me pareceu daquela unha cousa moi difícil.

Tamén estabamos nun momento onde se empezaba a expandir a impresión baixo demanda, e ante todas estas premisas decidimos montar Urco.

De onde procede o nome de Urco?

T.G.A: Urco é un ser mitolóxico. Fálase do can de Urco, que é un can que ouvea polas brañas do Lérez arrastrando unhas cadeas; e tamén se pode referir ao rei Urco, que se enfrontou a Teucro cando este chegou a Pontevedra.

dc1Cando naceu Urco como editorial creo lembrar que transitastes camiños pouco o nada andados ata o momento, por exemplo definiádesvos como unha editora independente.

T.G.A: Ese termo de editorial independente non me gusta. Ben é certo que participamos nalgunhas xornadas que se definían como de edición independente pero a verdade é que prefiro fuxir desa definición. Máis que independentes poderíamos ser daquela outsiders, no sentido de que empregabamos software libre, traballabamos con licencias Creative Commons, recoñecíamos nos créditos a todo o mundo, cousa que non é moi común tampouco, e pagábamos dignamente aos tradutores, cousa que só facía Rinoceronte.

Os vosos primeiros libros podían descargarse de balde dende a web.

T.G.A: Si. Eran documentos de texto plano sen moita maquetación. É un proxecto que temos aí parado. De todos os xeitos seguimos crendo niso. A idea de que se poidan descargar os libros de balde é algo que pensamos retomar cando poidamos.

David Cortizo (D.C.): Témolo formulado como un engado para a compra do libro físico. É dicir, ofrecer o pdf a un prezo moi asumible e, no caso de que logo a persoa que o adquiriu queira comprar o libro físico, descontar o que pagou polo pdf. Dese xeito a descarga sairíalle de balde.

T.G.A: O que si temos son todos os libros, agás os de tradución baixo copyright, con licencias Creative Commons.

Seguides mantendo a fórmula de subscrición?

D.C.: Aínda que ao principio si se traballaba con subscricións, por mor do ritmo de publicación que empezamos a ter foi algo imposible de manter. Unha cousa é sacar oito ou dez libros ao ano, onde si é posible esa fórmula, pero se estás coma nós sacando nestes momentos máis de trinta títulos –ás veces máis de oito concentrados nun mes- é imposible mantelo.

T.G.A: Agradecemos moito a eses subscritores que empezaron con nós e que axudaban a financiar a tirada.

É curioso ver que tamén sodes cooperativa. Un aspecto pouco frecuente no eido cultural e coido que anecdótico no editorial, polo menos en Galicia.

T.G.A: Legalmente somos cooperativa dende hai pouco tempo. Antes traballábamos como cooperativa aínda que figurase como encaixe legal o de Sociedade Civil.

Facedes moito fincapé no recoñecemento de todos os colaboradores que participan na edición do libro.

T.G.A: Antes os tradutores saían en pequeniño, agochados nos créditos. Coido que o tradutor ten que aparecer debaixo do autor, xa que traducir é reescribir un libro. Daquela o tradutor é unha peza clave, que leva ese libro a unha lingua nova. E logo está esoutra xente que traballa para que o libro estea nas mans dos lectores, como son os correctores, os maquetadores, etc… que non saen en ningures e nós quixemos, nos créditos, recoñecer a todos e a cada un dos elos da edición do libro.

D.C.: A toda a xente que colabora, efectivamente. De feito, a primeira colaboración que eu fixen para Urco foi unha lectura das probas de dous libros e velaí estou acreditado nese apartado.

Co nacemento de Urco parece dignificarse, ou polo menos ponse en valor, a literatura fantástica, gótica e de terror. En que situación estaban estes xéneros en Galicia antes da aparición de Urco?

D.C.: Era un “non estaban”. E nos poucos casos nos que si estaban, pois non moi “dignificados” precisamente. Por exemplo Xerais tiña algunha cousiña publicada na súa colección Fora de xogo, como unha antoloxía de Lovecraft e algo de Tolkien. Se ti publicas un libro de Virginia Woolf, por exemplo, vas colocalo nunha colección de adultos, pero se falamos de Tolkien ou de Verne van a unha colección xuvenil. En Urco procuramos dignificar ese xénero e a eses autores.

Iso pola banda editorial, no caso das lectoras e lectores pensades que infravaloran estes xéneros? Pregúntoo pensando máis nun lector xeral non especializado.

D.C.: Por parte do lectorado seguramente non, pero por parte da crítica si, sen ningunha dúbida. Por parte da crítica, polas distribuidoras e polas librarías.

É curioso como logo as editoriais máis importantes loiten por ter en nómina a autores de terror ou fantástico como Stephen King, George R. R. Martin e un longo etcétera.

T.G.A: Creo que en Galiza estamos arrastrando o feito de non ser un país “normal” cunha literatura non “normal”, aínda que hei de recoñecer que estamos nunha situación mellor que hai quince anos, agora hai xéneros populares que están aí e están recoñecidos polos lectores, como o xénero negro.

Un dos obxectivos cos que xurde Urco era para dignificar a literatura fantástica. Estamos aínda en proceso pero coido que estamos a conseguilo, pero reitero que partimos dunha literatura que non é “normal”. A nosa é unha literatura moi autorreferencial –obvio, somos un país sen estado- cunha presenza enorme de xéneros relativamente marxinais, como a poesía ou o ensaio de carácter político. Proxectos literarios como Urco creo que poden axudar a normalizar o noso sistema literario e, abofé, a que se dignifique a literatura fantástica.

D.C.: Galiza é un país onde existe un caldo de cultivo moi importante se falamos de fantasía e de terror. Dende o meu punto de vista o problema está en que se infantiliza, non se sabe encaixar ese xénero dentro dunha literatura adulta e incluso para facer crítica, para facer país cando, como dicía antes, esta é unha literatura moi acaída para iso.

T.G.A: Mira por exemplo o que aconteceu con O Señor dos Aneis. Ese libro, que publicou Xerais na súa colección Fora de Xogo, foi unha iniciativa do propio tradutor, Moisés Barcia, que foi petando co libro traducido nas portas das editoriais. Segundo me contou as respostas obtidas foron do tipo “iso é moi caro de editar”, “é un libro enorme” ou “é unha frikada”. Todo antes de aparecer os filmes de Peter Jackson. Finalmente publicouno Xerais na súa colección xuvenil, cando é un libro que ten entidade de seu para estar fora de colección. De todos os xeitos, dende aproximadamente o 2002, data na que se publicou O Señor dos Aneis en galego, as cousas mudaron a mellor.

O primeiro título do voso catálogo foi O corvo, de Edgar Allan Poe. Foi unha escolla feita a mantenta?fmc

T.G.A: Totalmente. É un libro que teño como fetiche. A nivel formal paréceme marabilloso, de feito Poe simplifica nel o seu ensaio sobre a Filosofía da composición. Creo que O corvo di moito sobre o que é e sobre o que quere ser Urco. Ademais a edición orixinal ten eses gravados a plumilla de Gustav Doré que son incribles. O corvo, aínda que é difícil de traducir, é un libro doado de editar, son máis ou menos 40 páxinas e é moi visual. Foi un pouco como manifesto ou declaración de intencións do que queriamos na editorial. Cos anos é un libro que aínda segue a funcionar moi ben, sobre todo para regalo.

Os vosos primeiros títulos abarcaban aos grandes clásicos e mestres do terror: Lovecraft, Washington Irving, R.E. Howard… Había tantos autores aos que recoñecer, engrandecer e traer cara o galego?

T.G.A: Había e segue habendo moitos. Empezamos escollendo a unha serie de autores fetiches, como Lovecraft, Howard ou Jack London, dos que temos moito editado en Urco. Están eses, están outros e hai moitos máis que deberían de estar. O que acontece nestes momentos é que estamos a apostar, máis que pola tradución, pola creación.

Tamén é moi difícil vender hoxe en día tradución, aínda que esteamos falando de autores de indubidable calidade literaria, moitos son do século XIX e case que descoñecidos para o gran público. Aínda que vas vendendo o mercado hoxe en día esíxete mover moito o libro, facer moita presentación, algo moi complicado de conseguir con tipos e tipas que morreron hai case un século…

Falando de tradución, un dos grandes fitos de Urco é a Biblioteca Lovecraft.

T.G.A: Abofé que si. Quedan catro títulos para rematar a narrativa completa agás as súas obras de xuventude, que non se editaron en ningures porque son obras escritas cando el tiña doce ou trece anos. Son obras bastante malas e publicalas xa nos parecía pasarnos de fetichistas.

No catálogo de Urco temos actualmente publicada toda a narrativa de Lovecraft dende o ano 1918, máis un libro de ensaio e outro de poesía.

E logo viñeron obras foráneas máis recentes, como O xogo de Ender. A edición dese libro foi un salto máis dentro da editorial? Ata ese momento creo que os vosos libros carecían de dereitos de autor -ben é certo que quedaba todo o labor de tradución e de edición- pero a partires deste libro parece que dades un paso máis coa adquisición de dereitos de libros actuais e de éxito.

D.C.: Xestionar dereitos de autor sempre é complicado. No caso de O xogo de Ender tratamos directamente co autor. Nese sentido tivemos moita sorte con Orson Scott Card, co cal obtivemos boas vantaxes: non houbo anticipos, con royalties baixos… Agora que xa ten axente literaria igual é distinto…

T.G.A: Urco actualmente está máis profesionalizada e decote asistimos a feiras internacionais e tratamos con axencias. É certo que as obras máis recentes teñen máis gancho entre os lectores, algo normal xa que contas coa propia fama deses autores nos seus respectivos países.

Como reaccionaron os lectores ante a vosa proposta?

T.G.A: En xeral moi ben. Recibimos boa acollida nas Feiras, recibimos os parabéns dalgúns sectores do mundo do libro e a subscrición funcionou no seu día aceptablemente. Foi como un “algo se está a mover”, en parte porque xurdiron de vez varios proxectos: Rinoceronte naceu no 2005, Urco no 2007 e Estaleiro Editora no 2008. Persoalmente comprobei un certo entusiasmo.

Cal sería a radiografía do lector galego de literatura fantástica e de ciencia ficción?

D.C.: Estase formando aínda. Hai un modelo de lectorado que fixo a viaxe dende o castelán ao galego e, sen abandonar o libro en castelán, viu que había libros no seu idioma dos xéneros que a el lle gustaba ler. Segue existindo tamén a persoa que le por militancia, que le porque está en galego, pero colleu o gusto por ler ciencia ficción e fantasía, xéneros dos que seguramente non era consumidora habitual. E, por suposto, está o público xuvenil, que vai lendo o que pilla. O que si creo que aínda non hai é o perfil de friki que le en galego.

Fernando M. Cimadevila (F.M.C.): Este último grupo de lectores frikis é verdade que non abunda pero algo hai, e ese pouco si que tira máis pola produción propia que polas traducións. É un lector que esperaba literatura fantástica de aquí.

Case dez anos despois do seu nacemento, coa editorial totalmente asentada, como pensades que é a imaxe que transmite Urco editora?

D.C.: Para empezar agora nos ven, que é o importante.

T.G.A: Si, non hai tanto nos dicían “ah! vos sodes de Urco, empezastes hai pouco, non si?”, cando xa levabamos varios anos… Iso xa non acontece, os lectores vennos asentados.

D.C.: Aínda que por veces deamos unha imaxe un pouco friki si que ven que facemos un labor serio con moita profesionalidade.

T.G.A: Creo que nos ven bastante afoutos. Dáme esa sensación, que a xente ve que somos valentes, que traballamos ben, que arriscamos, que estamos en todo onde podemos estar.

D.C.: O feito de entrar a traballar na editorial unha persoa do mundo gráfico como foi Denís Fernández tamén axudou.

T.G.A: Entrou Denís e os que xa estabamos en Urco cos anos fomos gañando experiencia e formándonos máis. Agora controlamos máis o proceso. Cando empezamos imprimiamos en Madrid e agora facémolo en Sacauntos, isto permítenos publicar os libros como a nós nos gustan que saian.

Xa que saca vostede a imprenta Sacauntos, cal é a relación entre editorial e imprenta?

T.G.A: Agora mesmo é unha única empresa, pero até hai pouco eran dúas empresas diferentes. Son liñas de proxecto distintas dentro dunha mesma cooperativa. Funcionan de xeito independente, quero dicir, os salarios de Urco saen dos beneficios de Urco, e os de Sacauntos do proxecto de Sacauntos. Os libros de Urco imprímense en Sacauntos e Urco paga por eles a Sacauntos. Se por exemplo un deseñador traballa en Sacauntos págalle a imprenta, e se monta unha capa para Urco, Urco págalle as horas.

Isto hai uns anos non existía, había un encaixe raro así que procuramos separalo o máis posible. Vemos que a simbiose funciona perfectamente, se Urco necesita un libro para mañá imprímese rápido en Sacauntos, entre outras cuestións. Á súa vez Urco atrae clientes para Sacauntos. Urco é un proxecto editorial, conta cunha imprenta detrás, e mantén contacto con outros axentes do mundo editorial. En Urco coñecemos moitas editoriais coas que compartimos eventos, romarías, actos, etc. e grazas a esa relación veñen a imprimir a Sacauntos. Nese sentido benefícianse tanto Sacauntos como Urco.

Tamén apareceron moitos proxectos asociados a Urco. Creo lembrar algún libro tirado do prelo baixo o carimbo de Edizer, como O Dianho e Tom Walker de Washington Irving.

T.G.A: Urco é unha marca rexistrada. Edizer é o nome matriz da empresa, que agora xa está liquidada. Cando alguén viña a Sacauntos para publicar o seu propio libro aparecía baixo o nome de Edizer, pero era un servizo que ofrecía Sacauntos.

Outro proxecto que non durou moito tempo foi a distribuidora Pragma.

T.G.A: Finiquitada tamén. Foi un proxecto que tivo o seu percorrido. En Pragma non só estaba Urco, senón máis editoras. Acabou sen máis.

E de similar efémera duración foi a libraría O fogar das palabras, en Compostela.

D.C.: Houbo ao longo destes anos varios acertos e erros. E O fogar das palabras estivo no lado dos erros, pero tamén se aprendeu moitísimo disto.

Nos aspectos positivos estaban algunhas propostas orixinais, como os Conan a baixo custo.

T.G.A: Os minilibros foi un proxecto moi chulo. Non funcionou ben nas librarías pero retomamos a idea, desta volta con máis éxito, nos bares. Falamos con pubs, bares e restaurantes para que deran como “tapa” un libro, os “libriscos”. Tivo moi boa acollida pero non foi a máis porque naquela altura eramos tan só catro persoas quen levabamos a editorial e viámonos incapaces de darlle continuidade a esta idea. Forma parte deses proxectos que queremos retomar cando poidamos.

tgaEditorial, imprenta, distribución, traducides vós mesmos para a editorial, a libraría… O obxectivo era pechar o círculo? Controlar todo o proceso dende dentro?

T.G.A: É certo que houbo proxectos que os abarcamos demasiado pronto, pero o ideal si sería ese círculo. Se Urco sobrevive é porque ten unha imprenta detrás, e se a imprenta sobrevive é porque ten a Urco tamén detrás. Vas creando sinerxías que se retroalimentan a unha da outra.

Por outra banda é o que fan os grandes grupos agora mesmo. Teñen as súas propias imprentas, as súas propias distribuidoras, as súas propias librarías e múltiples selos editoriais para cubrir todos os gustos.

F.M.C.: Estamos a falar de Galicia como o país pequeno que é. O sistema editorial créano as propias editoras, tes que deseñalo ti mesmo sobre a marcha. Non hai nada establecido nin unhas liñas marcadas. A nivel estatal tes unhas distribuidoras potentes que moven os teus libros, están as grandes editoras, etc. Hai xa un camiño marcado para crear o libro e darlle unha vida. En Galicia non acontece iso, velaí o por que do intento de crear Pragma, non existía ningunha distribuidora que cumprise os requisitos que esixías. O propio sistema editorial galego obrígache a improvisar.

En resumo, como foron estes primeiros anos da editorial?

T.G.A: Foron un pouco agridoces, en xeral. Tivemos a sorte de empezar nos últimos anos das vacas gordas. Daquela a administración pública aínda apostaba polo libro galego. Nós non estabamos en ningunha asociación gremial pero aínda así conseguíamos entrar nas compras de novidades para bibliotecas ou nas axudas á tradución. A cousa empezou funcionando ben, e os primeiros cartos gañados serviu para investir na compra das primeiras máquinas de Sacauntos. Esa foi a parte boa, xunto aos escritores ou ir ás primeiras feiras.

As malas os cambios de persoal, os malos “rollos” entre nós, que Sacauntos comeuse nos primeiros anos a actividade de Urco, case non editamos nada, e tamén un pouco o silencio que se nos fixo dende algúns sectores.

No 2011 Fernando e Tomás fundades a editora Contos Estraños, que vieiros esperabades abrir con esta nova proposta editorial?

F.M.C.: Pola nosa parte non tiñamos ningunha expectativa a longo prazo nin cara ao sistema literario, e iso foi algo positivo. Contos Estraños foi un proxecto persoal apartado de Urco, sen as súas aspiracións comerciais. Existindo Urco e sabendo que material editaba, con Contos Estraños podías experimentar e arriscar en proxectos máis tolos. Publicabamos o que nos gustaba tanto a Tomás como a min sen ter a vista posta na rendibilidade económica. Naceu como un proxecto con feitura de fanzine pero apuntando a algo máis profesional. Por detrás tiñamos a Sacauntos e a experiencia de Urco. Por vez primeira podíamos achegarnos a determinados xéneros como a ciencia ficción ou ao fantástico feito por autores galegos. Tomás e máis eu apostabamos por facer o que nos prestaba e o que nos divertía, vendo que nese momento tiñamos a oportunidade de facelo e vendo tamén que era o momento xusto.

Que empezou publicando Contos Estraños que non tivera cabida en Urco?

T.G.A: Por unha banda a revista. En Urco xa faláramos nalgunha ocasión de facer un proxecto parecido pero non había ninguén que o levase cara adiante. Nese momento eu estaba dedicado ao cen por cento con Sacauntos como impresor e Urco dirixíaa baixo mínimos Rodrigo Vizcaíno. Había moitas ideas, o que non había era tempo. Contos Estraños xurdiu en parte por mor diso, eu tiña unhas ideas, Fernando tiña as súas, aproveitamos e fixémolo entre os dous, fora de Urco, no noso tempo de lecer.

Contos Estraños apareceu cunha aposta editorial moi forte, publicando moitos libros en pouco tempo.

F.M.C.: O primeiro ano publicáramos oito ou nove libros, pero ten en conta que cando empezamos a nosa revista era trimestral, co cal tes aí catro publicacións nun ano. Metémonos tamén axiña coa publicación da triloxía de Os abismos da Noite Eterna de Roberto A. Rodrigues e con algún libro infantil. Neses anos houbo un auxe co renacemento da figura do Apalpador e fixemos a nosa achega a ese mundo. De todos os xeitos a idea primixenia era a de facer a revista de Contos Estraños (aínda que sempre falamos de revista, o formato é de libro) que aínda se publica a día de hoxe.

Un espello onde mirarse foi a revista Weird Tales, que deu cabida á época dourada do xénero?

F.M.C.: A revista Contos Estraños foi algo inevitable, que veu dado. Había moitos autores de fantasía que querían publicar, e que querían facelo en galego. Tamén é certo que é máis doado escribir un relato que unha novela, co cal o relato convértese nun trampolín perfecto para meterse de cheo no mundo editorial. Iso foi o que aconteceu con autores e autoras que agora están publicando novelas, como Xosé Duncan ou Roberto A. Rodrigues. Deuse igualmente o caso contrario, como Vanesa Santiago, que publicou primeiro en Urco e máis tarde en Contos Estraños.

Nós somos moi fans de Lovecraft, de Howard e de tantos outros, e pensamos que aquel formato que funcionou moi ben hai case un século en Estados Unidos podería funcionar na literatura galega.

Nese sentido creo que a revista foi o grande éxito de Contos Estraños ata o de agora. Non só polo feito de publicala senón tamén na descuberta de autores, de facer que estean unidos en moitos proxectos, tanto nosos como deles propios. É xente que agora están escribindo en galego.

Como profano na materia, cando escoito literatura de terror vénme á cabeza inmediatamente por unha banda o movemento romántico, e por outra todo o Círculo Lovecraft, principalmente. Vendo todas estas propostas que abeirades, todos estes novos autores, estades dando unha volta de torca ao xénero en Galicia?

T.G.A: Era en parte unha das nosas intencións.

F.M.C.: Unha das ideas que tiñamos en Contos Estraños era que fose propia, que non fose unha mera importación do que se escribe e se escribía no mundo anglosaxón e que estamos acostumados a ver. E iso aconteceu con algunhas propostas que fixemos, como a do agroterror. Acuñamos ese xénero que vai a medio camiño entre o terror psicolóxico e o gore e o rural galego. Quizais na épica hai algunhas excepcións, como en As crónicas de Bran, de Xosé Duncan. Nótase quizais máis no libro de María Alonso, Despois do cataclismo. Na ciencia ficción si que hai xa cousas, como Galiza Mutante ou As aventuras de Margaret White, onde colles a sociedade galega e dáslle unha volta de torca e fas unha ucronía.

T.G.A: Podemos velo no novo libro de Xosé Duncan, Negruña. Negruña creo que é a primeira novela publicada desta nova fornada de autores que xiran arredor de Urco e de Contos Estraños, que empeza a ter referencialidade e a basearse noutros libros deste “círculo”. Na edición de Negruña decateime de que había cousas de Basilius Hoffman nese libro, e cousas de Galiza Mutante, de que había referencias a teimas e a cousas que temos todos nós. Negruña é sen dúbida un libro que inaugura unha nova etapa deste grupo de autoras e autores galegos que empeza a autorreferenciar tanto ao seu país como aos autores que conforman o grupo, un pouco como aconteceu no Círculo de Lovecraft.

D.C.: Estou pensando en Sangue 12, de Cris Pavón, que é un título que vai dende a Revolución industrial ata a actualidade, que fala de vampiros dende un punto de vista feminista pero está moi ambientado no Vigo urbano. Moitas veces é coller eses xéneros que están aí e adaptalos á idiosincrasia do país.

Como pensades que foi evolucionando o xénero dende hai uns anos para acó. Como é o terror do século XXI?

T.G.A: Hai un boom cada pouco tempo, cada poucos anos asistimos a un revival dalgúns destes xéneros: hai pouco foi o postapocalíptico, uns anos antes cos vampiros, agora a épica con Xogo de tronos

D.C.: Para definir estes xéneros na actualidade eu empregaría unha palabra que resaltou o crítico Armando Requeixo, que é o de hibridación. Os xéneros “puros” van esvaecéndose e nun mesmo libro intégranse varios xéneros.

T.G.A: Nese sentido estamos volvendo un pouco ás orixes do xénero, cando había ese magma a finais do XIX e principalmente a comezos do XX, onde nada estaba diferenciado.

F.M.C.: Esa diferenciación veu dada polos americanos cando nas revistas especializadas dividían moi ben o xénero de terror do de ciencia ficción. Daquela si estaba todo moi marcado.

T.G.A: De feito, a novela que gañou o Antón Risco (Querido H.P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga) é unha novela que é en si epistolar, pero dentro dela hai terror e hai fantasía.

Urco sacou algo semellante á revista, o volume Contos no nicho.

D.C.: Ese libro saíu posteriormente á revista de Contos Estraños. Foi un proxecto moi particular dirixido por unha autora que publicara en Contos Estraños. Na actualidade ese libro non encaixaría dentro da colección Alcaián pero daquela si nos pareceu o máis axeitado.

F.M.C.: As e os autores que participaron en Contos no nicho tamén publicaran con nós e quixeron facer algo pola súa conta. De primeiras pensaran en facer unha cousa autopublicada só na rede, pero Urco acolleu o proxecto e propuxo sacar unha tiraxe física. De feito creo que o título de Contos no nicho é referencial a Contos Estraños, como unha reivindicación do seu paso por Contos.

urco contos

Tamén formulades cada novo número como un monográfico: autoras, agroterror, Nadal…

F.M.C.: Non é así ao cen por cento, aínda que nun comezo puidera parecelo: fantástico como homenaxe a Tolkien, terror como homenaxe a Lovecraft, Ciencia Ficción como homenaxe a Ray Bradbury, as que dis ti… Pero nós queriamos evitar o formato monográfico, pero tamén é certo que hai unha temática e que aproximadamente tres cuartas partes dos relatos están englobados nesa temática. Incluso os autores traballan mellor se teñen un obxectivo ou referencia, como un interruptor que lles dás e empezan a xurdir as ideas.

T.G.A: No fenómeno pulp non eran monográficos pero si existían revistas moi especializadas . No noso caso pasou que os últimos dous números foron dunha temática un pouco esvaída e perdeu parte do encanto que tiña antes. De feito incluso os autores estaban un pouco perdidos. Agora retomamos de novo as temáticas e creo que iso é un valor, incluso a xente que gusta dunha temática concreta tamén o agradece.

F.M.C.: É como as modas. Os lectores temos gustos e dependendo do que nos apeteza ler nun momento determinado escollemos un volume ou outro. Pero como che dicía antes, non son completamente monográficos, sempre hai unha liberdade. Ademais, moitos autores xa están especializados ou tenden a escribir sobre determinadas temáticas.

Levades a conta de cantos autores e autoras pasaron ao longo destes anos pola revista?.

F.M.C.: Pois deben de andar xa en máis de 50 autores, e se incluímos aos ilustradores sobre 70.

T.G.A: Se ti es un escritor novo, non coñeces a ninguén ou non gañaches un premio literario vas telo moi difícil para publicar. Se o que escribes é relato, aínda peor. Contos Estraños acolleu a toda esa xente que quería escribir, que quería escribir relato curto pero que co tempo e a experiencia deron o salto a publicar novela, a presentarse a premios, etc. Eu como editor sinto orgullo de ter axudado a que se cre esa Xeración Estraña.

F.M.C.: En Contos Estraños temos un grupo privado no Facebook onde os autores fan moitos intercambios de ideas e incluso xermolou algún proxecto como Contos no nicho ou Sombras no berce. O noso obxectivo era que se animaran a publicar contos ou relatos e logo deran o salto á novela. Seguimos nesa liña.

Non só escritores, os ilustradores tiveron unha xanela aberta para poder amosar o seu traballo.

T.G.A: Agora houbo un baixón de ilustradores, porque antes eran os propios autores quen buscaban ao ilustrador.

F.M.C.: Si, pasou que na publicación do relato non ía vinculada a publicación da ilustración. Ao principio, como practicamente todos os relatos levaban ilustración, moitos autores empezaron a enviar o seu relato máis a ilustración, esta feita por eles mesmos ou por un amigo ou un coñecido. Comprobamos que a ilustración, se ata certo punto non era profesional, podía desmerecer o valor ou a calidade do relato. Daquela puxémonos máis duros á hora de escoller as ilustracións. Tivemos que marcar un baremo e actualmente tanto o relato como a ilustración han de ter un mínimo de calidade para que aparezan publicadas.

Cal é o proceso de selección dos relatos orixinais que vos chegan?

F.M.C.: Cambiamos un pouco respecto ao comezo, nestes momentos procuro, na medida do posible, que a metade sexan autores novos, para que a porta siga aberta. Ben é certo que o máis doado sería falar con autores que temos máis a man e pedirlles relatos, pero un dos obxectivos de Contos Estraños é dar oportunidade a escritores novos, moitas veces porque o que nos envían teñen calidade ou porque lles ves algo que, con traballo e apoio e abríndolles unha porta, poden chegar a tela. Iso podes velo con algúns autores que empezaron con nós e agora, co paso dos anos, literariamente melloraron moitísimo.

Daquela, ao fío do que preguntabas, pois por unha banda está abrir a porta a novos autores, como acabo de comentar, e por outra que encaixen na temática que propoñemos, aínda que isto non sexa determinante para que aparezan nun número determinado da revista, ao igual que co tema da extensión, marcamos unha mínima pero nalgunhas circunstancias relatos máis curtos poden encaixar.

Houbo algún problema coa periodicidade? Coido que empezou sendo trimestral e logo pasou a ser anual.

F.M.C.: Empezou sendo trimestral pero chegou un punto onde víamos que sacar a revista cada tres meses era moito choio. Empezamos a publicar moita novela, triloxías incluídas, e a revista pasou a ser anual cando xurdiu a Segunda Era, pero só foi ese ano. Tras a fusión entre Contos Estraños e Urco Tomás propuxo que se recuperara o espírito inicial e pasara a ser trimestral. Eu penso que esa é a graza e a esencia de Contos Estraños, dar continuidade, un aspecto incluso bo para os propios autores. No caso de ser anual moitos deles poderían limitarse a escribir só un relato ao ano e o resto do tempo non escribir nada. O grupo de autores ten que estar activo e ver os seus relatos publicados.

T.G.A: Como di Fer, só houbo un número anual. Agora é trimestral, pero cun parón no verán.

F.M.C.: A nosa idea é que sexan tres ao ano máis un especial, como o do pasado ano con Plug&Play, un recopilatorio de ciencia ficción erótica. Tres números trimestrais da revista Contos Estraños e un extra con feitura monográfica máis marcada onde a escolla dos autores facémola nós.

Logo están as novelas, onde parece predominar o gusto pola continuidade, polas sagas de longo alento, velaí están As crónicas de Bran, Os Abismos da Noite Eterna ou o inicio de As aventuras de Margaret White.

F.M.C.: Cando empezamos atopámonos coa oportunidade de publicar a triloxía de fantasía épica Os abismos da Noite Eterna, de Roberto A. Rodrigues, e logo xurdiu o d'As Crónicas de Bran, de Xosé Duncan. Sen entrar a valorar as súas cousas positivas e negativas en detalle, algo que temos falado Tomás e máis eu é que imos procurar fuxir do formato triloxía e similares, que non das coleccións. Non queremos obrigar a un lector que se quere comprar un libro teña que se facer con dous máis, nin que sexan de “Continuará…” nin que para ler o segundo libro teñas que ler o primeiro.

Logo hai outros problemas como editor, a nivel de ventas nótase, e logo se un autor envíache o primeiro título e non o resto quedas coa serie inconclusa. Polo contra, se os libros son autoconclusivos e cada un ten a súa independencia, podes marcarte empezar co primeiro, co segundo ou polo que ti queiras. Podes parar a colección cando consideres e ningunha historia queda a medias. Persoalmente prefiro que sexan coleccións deste xeito, de feito con Basilius Hoffman fíxeno así, aínda que exista unha liña que une todos os libros cada historia ten identidade de seu.

A primeira novela de Tomás Galiza Mutante. Poder nuclear! naceu dunha coedición de Contos Estraños e Urco. Como foi o paso de editar a escribir?dc2

T.G.A: Eu levaba moitos anos escribindo pero Galiza Mutante. Poder nuclear! foi a primeira novela que publiquei. Galiza Mutante xurdiu porque estiven “secuestrado” moito tempo. Vivía nun piso compartido con xente coa que non quería nin ver nin estar, así que pasei bastante tempo pechado no meu cuarto, bebendo moito brandy, e empecei a escribir. A idea naceu dunha serie de cousas postapocalípticas que tiña na cabeza, darlle encaixe de novela foi cuestión de tempo. É unha novela de escrita fragmentada no tempo.

Para min Galiza Mutante foi moi importante no sentido de dicirme a min mesmo: "mira, tes unha novela publicada, podes escribir". Obrigueime a escribir cunha certa continuidade. De feito levo publicando unha novela ao ano.

O que si é unha sensación moi rara é a de escribir sendo editor. Incluso publicar no meu propio selo, pero tampouco atopo, para o xénero que escribo, casa máis cómoda que Urco. De todos os xeitos os meus libros pasan por todas as mans, e é David, como editor, quen decide se se publica ou non.

Logo está a liña infantil de Contos Estraños, onde sobresae a colección de As aventuras do Apalpador, da que falabades antes. Libros directamente destinados, segundo afirmades vós, a nenos frikis.

F.M.C.: Son libros para nenos frikis dende o que é a nosa concepción de ser friki, pero sobre todo para nenos cuxos pais son igual de frikis ca nós, seguidores de O señor dos aneis, de Star Wars, fans de Lovecraft… Os pais poden atopar elementos desas historias que a nós nos gustaban. Nos nosos libros para o público infantil queremos afastarnos un pouco do típico libro para nenos, edulcorados, moralizantes…

Urco tamén ten a súa propia colección infantil: Os contos da merenda. Faise necesario traballar cos lectores dende a infancia?

D.C.: Totalmente. Para empezar porque é o maior público lector que hai en galego. Normalmente as crianzas descobren a literatura en galego nos centros de ensino, máis que na propia casa. Falando dende un punto editorial tamén buscamos que as lectoras e os lectores vaian identificándose dun xeito temperá coa liña Urco.

Tamén responde a unha demanda da xente que nos sigue, que queren algo similar, adaptado para as súas crianzas.

Pasaron os anos e Urco foi estabilizándose e abrindo novos vieiros: velaí está a colección Alcaián. Ata a creación desa colección parecía que había que estar morto para ser publicado por vós.

D.C.: A idea fundacional de Urco era o que falabamos antes, crear un Círculo, un grupo de escritoras e escritores galegos.

T.G.A: Se en principio os primeiros autores que publicaron en Alcaián eran polo xeral noveis, houbo unha segunda onda en Alcaián na cal apostaron por publicar con nós autores consagrados, como Ramón Caride ou Manuel Lourenzo. Isto deu certo empaque a esa colección, xa non só estamos descubrindo a autores novos senón que estamos redescubrindo autores que publicaron ao longo da súa carreira noutras editoriais e agora, para determinados libros seus, consideraron que o sitio máis axeitado para facelo era con Urco.

Como foi o paso de sacar tradución -especialmente clásicos- a publicar literatura propia?

T.G.A: Como dicía David, esa idea estivo aí dende o xerme de Urco, pero o noso problema ao comezo foi que non coñecíamos a xente nin tiñamos propostas, tardamos entre dous ou tres anos en empezar a recibilas. A colección Alcaián deu o salto definitivo cando empezamos a publicar os libros de Basilius Hoffman, foi un salto moi grande, son uns libros que seguen a venderse moi ben. A partires de aí a colección empezou a ter máis visibilidade.

Ese libro é o grande éxito de Urco ata o de agora?

D.C.: O primeiro libro de Basilius Hoffman, O ladrón de soños, é o noso libro máis rendíbel. A día de hoxe segue sendo o buque insignia de Urco.

F.M.C.: O mundo secreto de Basilius Hoffman foi un pouco o inicio de Contos Estraños. Cando saíu O ladrón de soños fomos promocionalo Tomás máis eu á Feira do Libro da Coruña e estivemos falando moito tempo do proxecto. Basilius Hoffman saíu sendo unha idea clara de como queríamos que fora: un tipo de capa moi rechamante, unha tipografía determinada, etcétera. Vendo a reacción da xente ante o libro na Feira e coñecer algúns autores foi un punto de eclosión por afianzar esa aposta polo autor galego. Urco publicaba tradución, e con esa idea naceu Contos Estraños, como un Urco que publicase exclusivamente autores galegos. Nese momento naceu Contos Estraños e Contos Estraños, á súa vez, foi o punto para revitalizar Alcaián.

Lembro o shock que me produciu ler o primeiro libro Basilius Hoffman, ademais do propio interese literario do libro en si, chamaba a atención moitas outras cousas: esteticamente era unha marabilla, boa gramaxe de papel, capa rechamante, tipografía coidada, deseño magnífico… Foi un punto de partida dentro de Urco para empezar a traballar doutro xeito?

F.M.C.: Pero non é porque se pasasen. Ata ese momento Urco levaba unha liña pulp. Se te decatas eles querían enfocar os seus libros como pulp e iso quizais houbo xente non chegou a asumilo.

T.G.A: O primeiro deseño de Alcaián era moi de fanzine, en branco e negro, con moito contraste. Basilius Hoffman foi unha aposta máis coidada. Cando viamos que a xente aceptaba mellor este deseño modificamos a estética da colección completa.

D.C.: Dende a perspectiva de hoxe ese libro ten os seus defectos a nivel editorial. Creo que cos anos fomos mellorando, pero é certo que foi un punto de inflexión e aprendemos moitas cousas del. Alcaián segue mantendo o seu concepto de colección, aínda que esteticamente mellorara cos anos. Iso non pasa igual con Contos Estraños que, aínda que xa está integrado en Urco, segue mantendo a súa independencia e os seus libros axéitanse ao que precise individualmente cada un deles.

O primeiro libro de Basilius Hoffman apareceu no 2011, o pasado ano publicou vostede o terceiro, A batalla por Avalon. Ata cando ten que esperar as e os seus lectores para ver publicado o cuarto volume?

F.M.C.: O cuarto título, titulado O diario do Cartógrafo, debería de estar listo para presentar na Feira do Libro de Compostela no 2017.

Logo está a colección Niké, que vista dende fora parece un totum revolutum.

T.G.A: Niké é unha colección que nos dá certa dor de cabeza. É unha colección case que militante, non dá cartos -máis ben todo o contrario- pero son libros que consideramos deben de estar publicados, gústanos telos como unha achega de Urco á cultura do país, por dicilo dalgún xeito. Velaí están os libros de Barriga Verde, a gramática de Xavier Frías e outros. Por outra banda, son libros que dá gusto editalos pero que logo, á hora de promocionalos, non temos experiencia ningunha en mover esa clase de produtos.

Empezastes a publicar tamén banda deseñada, velaí está A vitoria final de Iban Zaldua e Julen Ribas.

D.C.: Xurdiu a posibilidade de editar A vitoria final porque o goberno vasco subvencionaba a primeira tradución. É un libro que ten un premio detrás, e ese premio conlevaba unha dotación económica para o gañador e unha dotación económica a maiores se se traducía. É unha banda deseñada de 48 páxinas, a cor, que sería imposible para nós publicala se non tivéramos esa axuda do goberno vasco.

Á hora de editar, como buscades os títulos a publicar? Creo que nalgún caso fostes os primeiros en publicar a algún autor no estado.

T.G.A: Incluso hai algún título que foi a primeira tradución que se fixo en todo o mundo, como no caso de Contos das illas extraordinarias do Atlántico, de Thomas Wentworth Higginson. A escolla dos títulos que se van traducir depende directamente de min, vou escollendo segundo o meu criterio, pero cada vez publicamos menos tradución. A tradución que publicamos actualmente elíxese en función das coleccións que están abertas en Urco e polo que vemos en feiras internacionais e comprando dereitos de libros actuais.

No caso da colección Alcaián e da xuvenil chégannos propostas que poden interesar ou non. Nalgunhas ocasións hai propostas que nos gustan pero non nos terminan de convencer, daquela traballamos “cóbado con cóbado” cos autores para ter un produto final á altura do resto de libros da colección.

E outras veces son libros case que por encarga, como aconteceu no caso de As Aventuras de Margaret White onde se lle pediu ao autor que escribira unha novela steampunk.

É doado manter unha coherencia no voso catálogo? Tivestes nalgunha ocasión a decepción de non poder editar algo porque non encaixaba nalgunha das coleccións abertas?

D.C.: Non, nunca. No caso de que acontecera algo diso que ti comentas abririamos unha colección nova.

F.M.C.: A ver, non exactamente iso pero por exemplo o libro de Derradeiro bis en catro-corenta de Tomás publicouse en Redelibros ou o meu Acariciando o ceo sacouno O fogar das palabras. Pero era normal, eran libros que se saían do que eran as liñas editoriais de Urco e de Contos Estraños. Un dos grandes méritos de Urco e de Contos é que cando compras un libro baixo ese selo, aínda que non coñezas o autor ou de que vai, podes ter unha idea sobre o que vas atopar.

contos estranhos revista

Tedes algunha obriga moral cos xéneros cos que traballades? Quero dicir, sacastes algunha obra aínda sabendo que non tería moitas vendas, pero que considerabades que tiña que estar no voso catálogo?

T.G.A: Temos e teremos. Temos unha parte de militancia e a militancia implica traballar pola cultura e pola literatura do teu país. Se a literatura do país precisa que determinada obra estea publicada aínda que saibas que a curto prazo non vai ter unha grande repercusión, é unha cousa que faremos sempre ata que Urco se extinga.

D.C.: Hai títulos que sabiamos que se non os publicabamos nós ningunha outra editorial faríao.

Vemos como moitos autores galegos achéganse a estes xéneros (Agustín Fernández Paz, Ramón Caride, Manuel Lourenzo…) pero poucos se asentan, marchan, volven…

D.C.: Creo que o único autor galego que se ten dedicado ao cen por cento ao xénero é Xosé Duncan.

F.M.C.: Noutros sistemas literarios, cando un autor escribe do xénero que sexa e lle vai ben, as presións editoriais que recibe son moi fortes. Mira a Ken Follet, que escribía historias de espías e cando quixo escribir Os piares da Terra case que o botan da editorial. Se ti es editor e tes en nómina a Stephen King, por exemplo, o que queres é que escriba novelas de terror, que é o que che vai dar cartos. E o autor, se quere vivir disto, pois vai ter que tragar. Iso non acontece aquí, como practicamente ninguén vive dos seus libros os escritores escriben o que lles peta. Queres escribir unha novela de fantasía? Adiante! Queres escribir unha novela de espías? Veña! Entón escribes o que che gusta, non tes imposicións editoriais que che impoñan o que tes que escribir.

Un dos aspectos que nos últimos anos coidades bastante, tanto en Urco como en Contos Estraños é o aspecto gráfico das capas. A verdade é que hai algunhas espectaculares, como a de As Aventuras de Margaret White.

F.M.C.: Eu son en parte impulsor diso. Vivimos no mundo da imaxe e o primeiro que entra polos ollos é a capa, dáche o impulso para coller o libro, dálo a volta para ler de que vai. Gusto de coidar moito esas dúas partes: a capa máis o resumo do libro da contracapa. Non deixa de ser a presentación do libro.

Tamén está o labor de José María Picón duns anos para acá. El desenvolveu un estilo de seu que marca unhas liñas moi claras. Eu como editor véxoo e procuro explotalo. As súas son unhas capas moi efectistas, profesionais, de moitísima calidade, marca unha liña editorial que nos diferenza doutras editoras. Ti ves as capas de Picón en Contos Estraños e xa o identificas.

Vides de recuperar, xunto á Fundación Risco de Allariz, o Premio Risco de Literatura fantástica, que perdera nos últimos anos a súa esencia fantástica.

T.G.A: Hai que diferenciar o noso premio Antón Risco do Vicente Risco. O Vicente Risco naceu como premio literario de literatura fantástica pero cos anos abriron a temática e agora é un premio de narrativa xeralista.

Nós recuperamos co Antón Risco, en colaboración coa Fundación Risco de Allariz, esa idea primixenia de literatura fantástica, porque Antón foi un dos grandes teóricos da literatura fantástica. Pola miña parte estou moi orgulloso de que Urco saque este premio porque é un premio que non ten ningunha parcería pública, non hai nada de cartos públicos, colaboran moitísimas empresas privadas, como un pastelería, un restaurante, unha libraría… Hai moitos logotipos, pero iso demostra que hai economía real no país. E outra razón é que a nivel editorial para nós é unha consolidación, tanto de proxecto editorial como de escena. Na primeira edición recibimos moitos máis orixinais dos que esperabamos nun principio, sobre vinte. Ademais, tanto o gañador como o finalista foron xente externa á nosa casa, para nós iso é moi bo porque vas arrimando para Urco a novos escritores, pero os seguintes finalistas si que publicaran anteriormente con nós, o cal lévate a pensar de que algo estamos facendo ben.

Hai poucas datas vides de crear, de novo coa Fundación Risco, o selo Doutor Alveiros.

T.G.A.: Era algo de agardar. Levamos bastante tempo a colaborar en proxectos conxuntos, como o premio Antón Risco, que xa citamos, ou as Xornadas Romasanta de Allariz, de onde saíu o libro Contos do Sacaúntos. Romasanta, o criminal, e sairán máis, un por ano. O selo Doutor Alveiros pretende pór baixo un mesmo tellado todos os proxectos de interese común que temos ambas as dúas entidades, proxectos que van en aumento, como a publicación de obras de Antón e de Vicente Risco, dos premios literarios que leva a Fundación e moitas máis cousas. Inauguramos o selo hai nada coa obra Transición, de Pablo Fernández Barba, que resultou gañadora do Premio Vicente Risco de Creación literaria o ano pasado.

Un pouco antes, no verán do 2015, recibimos a sorpresa de que Urco e Contos Estraños unen as súas forzas.

F.M.C.: Era unha unión anunciada. Contos Estraños, como editorial independente que era, tiña unha serie de problemas loxísticos, a nivel legal, etc. Iso ata o momento estaba levándoo eu. Ao non ser un traballo continuado Tomás e máis eu decidimos que a parte loxística, como é a facturación, distribución… isto é, o traballo máis engorroso, se encargara Urco de facelo, que é o que fai David, mentres que nós encargariámonos da parte editorial: a selección de textos, preparar o que se vai publicar, a parte de promoción, etc. A nivel básico seguimos funcionando igual que antes da fusión.

Nos últimos anos parece que hai un boom do libro dixital, tanto por parte do estado como por parte do goberno do país están apostando por isto. Como afrontades este tema?

T.G.A: Témolo pendente, aínda está por abordar pero a curto prazo situámolo fora das nosas necesidades máis inmediatas. Tampouco nos convence o modelo que se está seguindo co libro dixital, sobre todo polo prezo. Actualmente o prezo do libro electrónico é idéntico ao físico sacando os custes de impresión, cando a cousa non funciona así, hai moitos máis custos aparte do da impresión que non se están tendo en conta.

A nosa aposta sería vinculalo ao libro en papel. Nós cremos que son complementarios, que son universos que coexisten e que coexistirán sempre. É evidente que enciclopedias, dicionarios, obras científicas… teñen moito máis sentido en dixital que en papel, pero no caso de obras literarias consideramos que o papel e o dixital coexistirán.

Tamén vemos que a demanda que se está a producir co libro dixital nestes intres non se responde cunha demanda acorde á realidade, senón máis ben atende a uns intereses económicos de axentes esternos ao mundo do libro e ao mundo da edición. Por volta do 2009 e do 2010, moitos gurús anunciaban a morte do libro en papel en favor do libro dixital, eu sempre tomei con moito humor ese catastrofismo. Creo que o tempo e os lectores están poñendo o libro dixital no seu lugar. O libro dixital veu para quedarse pero non para substituír a nada.

Hai pouco tempo Urco entrou a formar parte da Asociación Galega de Editores (AGE), pero con anterioridade si que estabades noutras agrupacións gremiais, como Editores de Compostela.

T.G.A: Nós de primeiras non queríamos formar parte da AGE, non compartíamos certas cousas e como contrapartida padecemos moitas trabas. Éche un camiño complicado querer facer as cousas ao teu aire... Hai pouco entramos na AGE pero porque vimos que era o momento. Non queríamos asociarnos para que simplemente dende as administracións compraran os nosos libros. Agora entramos porque somos unha editorial consolidada e vemos que podemos achegar, a nivel gremial, cousas útiles aos compañeiros. Nestes tempos onde a administración non compra libros hai que vivir do que se fai, que é o que levamos facendo nós dende o comezo. Coido que no sector editorial había instalado un discurso vitimista porque a Xunta non daba cartos. Eu coido que o seu sería reivindicar a forza e o valor que ten de seu o sector.

E Editores de Compostela é un proxecto que está un pouco parado porque xurdiu outra iniciativa por medio que se chama Compostela Literaria na que se sumaron tamén as librarías. Editores de Compostela naceu como un foro onde estabamos moitas editoriais pequenas e queriamos unir as sinerxías, compartir gastos, compartir ideas, compartir forzas para facer cousas en común e sobre todo visibilizar o libro na cidade. Fixemos moitas feiras xuntos, bastantes eventos, foi unha experiencia grata. Logo con Compostela Literaria incorporáronse as librarías nunha simbiose lóxica. Neste sentido si que estamos traballando xuntos, facendo eventos centrados na cidade de Compostela, sobre todo.

 

Santiago de Compostela. 2016

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Conversas >

Axenda >

Xuño 2017
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
› Balnearia Bibliográfica
00:00
Biblioteca de Galicia. Compostela, Santiago de Compostela
Balnearia ofrece no Gaiás un percorrido pola historia das augas minerais en Galicia
› Panorama da BD galega
00:00
C.C. Salvador de Madariaga. A Coruña, A Coruña
Recóollese os traballos de 68 creadoras/es da banda deseñada galega e se repasa a actualidade
› Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea
00:00
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela, Santiago de Compostela
Primeira Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea de Galicia
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Zona "C". Santiago de Compostela, Santiago de Compostela
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› Feira do Libro de Ourense
00:00
Rúa do Paseo, Ourense
A programación que inclúe preto de 30 actividades para adultos e o público infantil
› Presentación de 'Cantar de Valtario' e 'Cantar de Ruodlieb' en Compostela
19:00
Facultade de Filosofía USC, Santiago de Compostela
Dúas obras publicadas este ano por Rinoceronte dentro da colección Vétera
› Presentación de Por amor a Ti, Meu fillo en Vigo
19:00
Centro de Documentación e Recursos Feministas, Vigo
María José Rodríguez presenta a súa novela, publicada por Áncora
› Presentación de Pico Sacro en Lugo
19:30
Libraría Trama, Lugo
Este libro reúne a obra de noventa autores e autoras arredor desta cima única
› Lançamento de Abadessa, oí dizer em Compostela
20:00
NUMAX, Santiago de Compostela
Relatos eróticos de escritoras da Galiza
Data :  01/06/2017
2
› Balnearia Bibliográfica
00:00
Biblioteca de Galicia. Compostela, Santiago de Compostela
Balnearia ofrece no Gaiás un percorrido pola historia das augas minerais en Galicia
› Panorama da BD galega
00:00
C.C. Salvador de Madariaga. A Coruña, A Coruña
Recóollese os traballos de 68 creadoras/es da banda deseñada galega e se repasa a actualidade
› Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea
00:00
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela, Santiago de Compostela
Primeira Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea de Galicia
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Zona "C". Santiago de Compostela, Santiago de Compostela
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› Semana do Libro de Compostela
00:00
Praza da Quintana, Santiago de Compostela
A Quintana acollerá máis de trinta postos, de librarías, editoriais e institucións
› Feira do Libro de Ourense
00:00
Rúa do Paseo, Ourense
A programación que inclúe preto de 30 actividades para adultos e o público infantil
› Caderno / Postal / Poema na Coruña
17:00
Plano Pementa, A Coruña
Sesión de traballo con Ismael Ramos
› Contacontos a cargo de Eli Ríos en Pontevedra
18:00
Libraría Patakafrita, Pontevedra
Eli fará partícipes a todas as crianzas da historia dunha das nosas mulleres bravas: Mª V. Moreno
› Presentación da nova edición de O porco de pé en Madrid
18:30
B.H. Marqués de Valdecilla, Madrid
Galaxia publica unha nova edición da gran novela de Vicente Risco
› Presentación de Fóra de Mapa na Coruña
19:00
Alita Cómics, A Coruña
Presentación da BD gañadora do XI Premio Castelao
› Presentación de O Segredo de Sheela na Gig na Coruña
20:00
Fundaçom Artábria, Ferrol
Iolanda Aldrei presenta o seu novo poemario, publicado por Sons da Terra Verde
› Presentación de As artes da vida de Ánxel Huete en Gondomar
20:00
Libraría Libraida, Gondomar
Traza un percorrido ao longo da historia do oficio de artista de Ánxel Huete
› Presentación de Contos da Coruña na Coruña
20:00
Casa Chencha, A Coruña
Unha apaixonante viaxe ao fondo da memoria desta cidade e dos seus barrios populares
› Presentación de A ferida do vento en Carral
20:00
Casa da Cultura, Carral
Antón Riveiro Coello presenta a súa nova novela, publicada por Galaxia
› Presentación de A relixión do mar en Lugo
20:00
O gato neghro, Lugo
Un libro que foi galardoado no certame de poesía Victoriano Taibo
› Presentación Carlos Casares. Vida e literatura en Gondomar
20:30
Aula de Cultura, Gondomar
Damián Villalaín presenta o seu libro sobre o autor homenaxeado co Día das Letras Galegas
› Recital a micro aberto en Pontevedra
21:30
Taberna do Jazz , Pontevedra
Neste recital celebrarase o primeiro ano de vida do proxecto Poesía e microrrelato Pontevedra
Data :  02/06/2017
3
› Balnearia Bibliográfica
00:00
Biblioteca de Galicia. Compostela, Santiago de Compostela
Balnearia ofrece no Gaiás un percorrido pola historia das augas minerais en Galicia
› Panorama da BD galega
00:00
C.C. Salvador de Madariaga. A Coruña, A Coruña
Recóollese os traballos de 68 creadoras/es da banda deseñada galega e se repasa a actualidade
› Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea
00:00
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela, Santiago de Compostela
Primeira Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea de Galicia
› Os mundos de Carlos Casares
00:00
Zona "C". Santiago de Compostela, Santiago de Compostela
Exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017
› Feira do Libro de Ourense
00:00
Rúa do Paseo, Ourense
A programación que inclúe preto de 30 actividades para adultos e o público infantil
› Semana do Libro de Compostela
00:00
Praza da Quintana, Santiago de Compostela
A Quintana acollerá máis de trinta postos, de librarías, editoriais e institucións
› Taller Expres: Banda deseñada, na Coruña
10:00
Plano Pementa, A Coruña
Impartido por María Álvarez e Jorge Peral,
› Presentación en Pontevedra de Na casa da avoa
12:30
Libraría Paz, Pontevedra
Marta Dacosta presenta o seu novo poemario, editado por Galaxia
› Vermú entre libros con Marta Dacosta en Pontevedra
12:30
Libraría Paz, Pontevedra
Marta Dacosta conversará con Tamara Andrés, entre outros temas, do seu novo libro 'Na casa da avoa'
› Recital "Verbas no Val da Louriña" en Mos
18:30
Fundación Pazo de Mos , Mos
Intervirán entre 10 é 15 poetas do grupo Brétema
› Contacontos Con Andrea Vázquez en Compostela
19:00
Hotel Congreso , Santiago de Compostela
Organizado por ETAPAS para nenos dende os 3 anos.
Data :  03/06/2017